jueves, 8 de mayo de 2025

Scimago Journal & Country Rank e outros rankings do Scimago Lab

Recentemente ven de publicarse a última versión do Scimago Journal & Country Rank, unha ferramenta elaborada anualmente dende 2007 polo Scimago Lab, para avaliar a calidade e o impacto da produción científica por revistas e países, tomando como base os datos da base de datos Scopus do grupo Elsevier. 


 
 
O ranking de revistas ordena as revistas segundo un indicador de impacto propio, o Scimago Journal Rank (SJR), un indicador similar ó factor de impacto que se usa no Journal Citation Report (JCR), pero as principais diferencias son: 

  • O SJR é unha ferramenta de acceso gratuíto, mentres que o Journal Citation Report (JCR) é unha ferramenta de pago. 
  • A fonte utilizada para contabilizar os documentos publicados e as citas recibidas é a bases de datos Scopus, do grupo Elsevier, mentres que o factor de impacto (IF) do JCR toma os datos das bases de datos de WOS. 
  • A fórmula para calcular o SJR utiliza un sistema ponderado de citas, o que quere dicir que as citas non teñen sempre o mesmo valor senón que dependerá da calidade da revista que cita, e  unha ventá de citas de tres anos, así para o ranking do 2024 toma os datos de 2021-2023. 

Ademais dun ranking xeral ordenado polo SJR podemos obter outros, filtrando por áreas, subáreas, limitando a revistas de acceso aberto, de Scielo, que estean recollidas tamén na base de datos WOS, por áreas xeográficas, por países, por tipo de documento e por ano.   

Imagen del ranking general de revistas de 2024




E tamén podemos facer o noso ranking “a carta” combinando todos estes parámetros e descargar os datos nun arquivo excel. 

O listado de revistas pode ser ordenado en función dos diferentes elementos que amosa: índice H de revista, documentos, porcentaxe de traballos de mulleres... E ofrece tamén a posibilidade de acceder ás páxinas do perfil das revistas, clicando no título da mesma, onde se amosa toda a información sobre cada revista: título, ISSN, país de edición, editor, materia e subcategorías nas que publica a revista, valor do SJR e cuartil no que se atopa a revista, etc.





O ranking de países é un listado ordenado dos países produtores dos artigos incluídos nas revistas que recolle a base de datos Scopus. Este listado permite ordenar os países en función dos diferentes indicadores recompilados que son: documentos publicados (e indexados na  base de datos), documentos citables (que veñen sendo artigos, revisións e relatorios de congresos ), autocitas, media de citas por documentos e índice H. Ademais permítenos filtrar por áreas temáticas ou subáreas, rexións ou conxunto de países, ano, por número mínimo de documentos, de documentos citable, ou citas e descargar un excel cos datos da nosa selección.  

 


E de igual xeito que no ranking de revistas, podemos ver as páxinas do perfil de cada país, cunha chea de gráficos moi interesantes, clicando no seu nome.  





Outros  rankings do grupo Scimago 

  • O Scimago Institutions Rank (SIR) ou ranking de Institucións, é un listado ordenado de universidades, empresas ou outras institucións que se dedican a investigación en función dun indicador composto que permiten avaliar  tres aspectos:  a investigación, a innovación e o impacto social.  Utiliza datos dun período de cinco anos sendo dous anos anteriores o ano da edición, así para a edición do 2025 que saíu en marzo empréganse datos do período 2019 –2023, excepto para os indicadores de impacto da web. Toma datos de distintas fontes como Scopus, Unpaywall database, PATSTAT database, Google, Semrush, PlumX  metrics, Mendeley, etc.    

 



O portal permite tanto ver as institucións no ranking xeral, como filtrar por cada un dos aspectos analizados (investigación, innovación ou impacto social ), filtrar por área concreta, por rexión, grupo de países ou por país, por ano e descargar un excel cos datos. Tamén permite ver o perfil de cada unha das institucións ou seleccionar varias delas e comparar o seu rendemento o longo do tempo. 




A fórmula para elaborar o seu ranking basease nun conxunto de 20 indicadores con diferentes pesos para medir a importancia da institución no eido da investigación, da innovación  ou do impacto social. Os criterios para incluír as institucións no ranking son bastante esixente  xa que deben que ter un mínimo de 100 artigos indexados en Scopus no último ano do período de estudo e un 75% destes deben ser artigos “citables” tal como se recolle na súa metodoloxía.






  • O SIR IBER, ou ranking iberoamericano apareceu por primeira vez no 2009. Ofrece datos de universidades, institucións  e empresas que realizan investigación nos países iberoamericanos pero recolle un maior número de institucións que o ranking SIR. Amosa os resultados por institucións, rexións, por exemplo Galicia, e por países.









  • Scimago Media Rankings, como ferramenta para avaliar a reputación dos medios de comunicación dixitais. Basease na combinación de catro métricas importantes do posicionamento web, relacionadas coa autoridade dos dominios e o número de enlaces que reciben doutras páxinas web, proporcionadas polas ferramentas comerciais Majestic e Semrush.  

Permite filtrar por: tipo de contido, tipo de medio, rexión, país ou lingua e por edición.   


 












No hay comentarios: