Servizo de Biblioteca da UDC
Blog do Servizo de Biblioteca da Universidade da Coruña
sábado, 17 de mayo de 2025
Letras Galegas 2025 : As Cantareiras
jueves, 8 de mayo de 2025
Scimago Journal & Country Rank e outros rankings do Scimago Lab
- O SJR é unha ferramenta de acceso gratuíto, mentres que o Journal Citation Report (JCR) é unha ferramenta de pago.
- A fonte utilizada para contabilizar os documentos publicados e as citas recibidas é a bases de datos Scopus, do grupo Elsevier, mentres que o factor de impacto (IF) do JCR toma os datos das bases de datos de WOS.
- A fórmula para calcular o SJR utiliza un sistema ponderado de citas, o que quere dicir que as citas non teñen sempre o mesmo valor senón que dependerá da calidade da revista que cita, e unha ventá de citas de tres anos, así para o ranking do 2024 toma os datos de 2021-2023.
- O Scimago Institutions Rank (SIR) ou ranking de Institucións, é un listado ordenado de universidades, empresas ou outras institucións que se dedican a investigación en función dun indicador composto que permiten avaliar tres aspectos: a investigación, a innovación e o impacto social. Utiliza datos dun período de cinco anos sendo dous anos anteriores o ano da edición, así para a edición do 2025 que saíu en marzo empréganse datos do período 2019 –2023, excepto para os indicadores de impacto da web. Toma datos de distintas fontes como Scopus, Unpaywall database, PATSTAT database, Google, Semrush, PlumX metrics, Mendeley, etc.
O portal permite tanto ver as institucións no ranking xeral, como filtrar por cada un dos aspectos analizados (investigación, innovación ou impacto social ), filtrar por área concreta, por rexión, grupo de países ou por país, por ano e descargar un excel cos datos. Tamén permite ver o perfil de cada unha das institucións ou seleccionar varias delas e comparar o seu rendemento o longo do tempo.
A fórmula para elaborar o seu ranking basease nun conxunto de 20 indicadores con diferentes pesos para medir a importancia da institución no eido da investigación, da innovación ou do impacto social. Os criterios para incluír as institucións no ranking son bastante esixente xa que deben que ter un mínimo de 100 artigos indexados en Scopus no último ano do período de estudo e un 75% destes deben ser artigos “citables” tal como se recolle na súa metodoloxía.
- O SIR IBER, ou ranking iberoamericano apareceu por primeira vez no 2009. Ofrece datos de universidades, institucións e empresas que realizan investigación nos países iberoamericanos pero recolle un maior número de institucións que o ranking SIR. Amosa os resultados por institucións, rexións, por exemplo Galicia, e por países.
- O Scimago Research Center Ranking (SRCR) MENA, que é o equivalente do SIR Iber, para os países de Oriente medio e norte de África.
- O Scimago Media Rankings, como ferramenta para avaliar a reputación dos medios de comunicación dixitais. Basease na combinación de catro métricas importantes do posicionamento web, relacionadas coa autoridade dos dominios e o número de enlaces que reciben doutras páxinas web, proporcionadas polas ferramentas comerciais Majestic e Semrush.
Permite filtrar por: tipo de contido, tipo de medio, rexión, país ou lingua e por edición.
jueves, 20 de febrero de 2025
Times Higher Education (THE): o seu ranking mundial e outros rankings que elaboran
A internacionalización das universidades e a necesidade de competir por novos alumnos e persoal docente ou investigador, fixo medrar de xeito exponencial o uso de rankings, ferramentas de avaliación da calidade que presentan listados ordenados de universidades en función de distintos conxuntos de indicadores.
O THE World University Ranking
O Times Higher Education World University Ranking é un ranking mundial de universidades que elabora Times Higher Education, unha editorial vinculada ó famoso periódico británico “Times”, que publica unha revista sobre novidades e problemas no mundo da educación superior no Reino Unido. Foi un dos rankings pioneiros xa que a primeira edición lanzouse en novembro de 2004, e segue a ser un dos máis importantes.
O ranking avalía cinco aspectos das universidades que teñen que ver coa ensinanza, o entorno de investigación, a calidade da investigación, a perspectiva internacional e a innovación.
O ranking actual, elabórase con 18 indicadores aínda que a un deles, número de estudiantes no extranxeiro, non se lle deu ningún peso finalmente.
Mentre na primeira edición do ranking, había un certo nesgo cara as universidades do mundo anglosaxón, xa que recollía unhas 200 universidades de 29 países, sendo maioritariamente universidades de EEUU ou do Reino Unido (un 46% en total), e ningunha española. Pola contra na última edición, a do 2025 hai unha maior representación de todos os continentes e culturas, xa que ínclue 2092 universidades procedentes de 115 países de todo o planeta. Hai 59 españolas (2.8%), 57 francesas (2.7%), 57 italianas (2.7%), 51 alemanas (2.43%), 10 belgas (0.47%), 12 holandesas (0.57%), 9 irlandesas (0.43%), 70 brasileñas (3.3%), 94 chinas (4.5%), 133 indias (6.3%), 161 do Reino Unido (7.7%) e 182 de EEUU (8.7%) entre outros paises.
A UDC no THE World University Ranking
Na última versión, a do 2025 a Universidade da Coruña aparece no posto 1201-1500, que ven a ser o Q3 ou tercer quartil, do ranking mundial e no posto 46 das 59 españolas.
Outros rankings THE
- THE World University Rankings by Subject.
Este ranking en realidade está composto por once listados de materia, nos que se ordenan un número diferente de institucións e países segundo a temática. En Xaneiro de 2025 apareceu a última edición do ranking de materias que, en termos xerais utiliza a mesma metodoloxía que o ranking mundial, pero modifica lixeiramente o peso dos indicadores na ecuación final en función da materia que se estea avaliando, tal como se pode ver na imaxe seguinte.
Ademais para estar en cada un dos ranking de materias establécense uns criterios mínimos que as universidades deben cumprir, tanto na cantidade de investigadores como de publicacións na área que tivo cada universidade no periodo estudiado. Así para aparecer no ranking de Arte e Humanidades é preciso que unha universidade tivera un minimo de 50 persoa contratadas como pdi nesa área de coñecemento, que iso supoña polo menos o 5% do persoal investigador da universidade e tamén que teñan unhas 250 publicacións recollidas en SCOPUS nesa área e no período estudado, 2019 –2023 que é o empregado para os rankings do 2025.
- THE Young University Rankings
O listado de universidades con menos de 50 anos de antigüidade, é un ranking elaborado a partir dos datos recopilados para a elaboración do ranking mundial pero seleccionando unicamente as universidades fundadas despois de 1974 e modificando lixeiramente o peso dos diferentes indicadores. A primeira edición lanzouse no 2012 con 100 universidades, mentres que a última edición, a do 2024 recolle datos de 673.
A Universiddade da Coruña apareceu por primeira vez na edición do 2017 no posto 151-200 de 200 universidades e na última edición estamos no posto 251 –300, que ben a ser no Q2 na clasificación xeral e o posto 18 das 34 universidades españolas, o que semella un posto máis que aceptable.
- THE University Impact Rankings 2024
É o ranking que avalía a contribución das universidades á consecución dos ODS, obxectivos de desenvolvemento sostible das Nacións Unidas.
A Universidade da Coruña aparecía xa na primeira edición, ocupando o posto 4 das española e o posto 101-200 no ranking xeral, e na última edición ocupa o posto 18 entre as españolas e o 301-400 no ranking xeral.
Recemtemente rematou a recopilación de datos da edición do 2025 que será lanzada en Xuño, e recollerá 2540 universidades de 130 países.
- THE Interdisciplinary Science Rankings 2025
Este ano lanzouse por primeira vez este ranking, que ven a ser o ranking da Ciencia interdisciplinar, que é aquela que se desenvolve mediante a colaboración de investigadores de diferentes áreas do coñecemento. Nel recollense 749 universidades de 92 países, so 17 españolas (2.3%).
O ranking avalía tres aspectos do ciclo de investigación: financiación, proceso de investigación e resultados, utilizando un conxunto de 11 indicadores con diferente peso na fórmula final.
martes, 21 de enero de 2025
Retractación de artigos: erros, omisións ou mala praxis?
Malia que poda parecer contradictorio a retractación de artigos é unha ferramenta útil e necesaria para corrixir erros graves de publicación e garantir a integridade e transparencia do sistema de publicación do coñecemento.
Se revisamos a historia da Ciencia podemos comprobar como existe unha longa traxectoria de erros e correccións, aínda que nos últimos tempos o seu uso asóciase máis a fraudes e a omisións mal intencionadas que a un comportamento responsable por parte dos
autores ou editores, motivo polo cal isto está a xerar desconfianza cara a Ciencia e o seu sistema de publicación.
Tipos de erros nas publicacións e tipos de correccións
En termos xeral podemos falar de dous tipos de erros nas publicacións:
- Erros honestos que poden ser de moitos tipos. Omisións de informacións, erros metodolóxicos ou estatísticos, informáticos ou humanos e que poden chegar a facer que os resultados sexan irreproducibles.
- Erros deshonestos ou de mala conducta. Aquí entraría dende o plaxio de publicacións propias ou alleas, pasando pola manipulación de datos ou imaxes, as omisións deliberadas de información relevante, (como a declaración de conflito de intereses ou a inexistencia de conformidade co estudo por parte do comité de ética correspondente), ata a falsificación ou fabricación de datos. En moitos destes casos tamén se obteñen resultados irreproducibles.
Por outra banda as revistas e editoriais utilizan distintos tipos de notas para corrixir erros de publicación segundo a súa gravidade, que son: as erratas, as expresións de preocupación ou correccións e as retractacións. Pero o emprego dun tipo de nota ou doutro non está normalizado, polo que pode ser un pouco subxectivo e ata cuestionable, chegando incluso a atopar artigos retractados que anteriormente xa recibiran outro tipo de corrección.
Exemplo de Politica sobre a correción de erros en artigos publicados, da Revista de Investigación en Logopedia. |
Situación actual.
Nos últimos anos o número de artigos retractados aumentou exponencialmente, á vez que aumentou tamén o seu control e súa difusión, malia que seguen a ser deficientes. Aínda que a situación mellorou, queda moito por facer xa que se estima que so unha pequena parte dos artigos problemáticos son obxecto deste tipo de correccións, arredor dun 20% (Ortega y Delgado-Quirós, 2023)
Non é un problema sinxelo de resolver, posto que son moitos os factores que inflúen no crecemento dos artigos retractados: o crecemento exponencial do número de artigos e de revistas publicadas, procesos de revisión deficientes, sistemas de avaliación que fomentan practicas pouco éticas dos investigadores, artigos escritos por ferramentas de IA, etc.
Ademais, aínda que existen unhas recomendacións do Committee on Publication Ethics (COPE) sobre as retractacións dende 2019, as revistas non sempre o aplican polo que o seu control segue a ser complicado.
Como localizar artigos retractados.
Afortunadamente cada vez temos máis recursos e máis variados para detectar estas publicacións, e incluso xorden novos perfís profesionais como “os caza fraudes” científicos.
A primeira fonte que deberíamos consultar para saber se un artigo foi retractado sería ir a propia revista. No caso das revistas dixitais, ambas publicacións (o artigo e a retractación) deberían estar vinculadas pero non sempre é así.
![]() |
Exemplo de artigo retractado |
A segunda recomendación sería acudir as principais bases de datos referenciais, xa que a maior parte delas indexan tamén as notas de corrección ou retirada dos artigos publicados nas revistas e enlazan ambos rexistros, ademais de permitir a opción de filtrar ou eliminar dunha busca os rexistros dos artigos que teñan sido retractados.
Por último podemos acudir a ferramentas especializadas como Pubpeer e RetractionWatch ou usar xestores de referencias como Ednote e Zotero que sinalan os artigos que teñen sido retractados.
Exemplos de referencias de artigos retractados vistos en Zotero |
Pubpeer é unha plataforma de revisión aberta de artigos xa publicados que permite denunciar publicamente irregularidades nos traballos tanto de xeito persoal como anonimamente.
RetractionWatch é a base de datos máis completa para localizar este tipo de artigos. Naceu en 2010 coma un blog para denunciar casos de fraude científica, pero actualmente conta tamen cunha basede datos actualizada diariamente e mantida por CrossRef. Ademais do blog e a base de datos ofrece outros recursos interesantes como un buscador de revistas “pirateadas ou clonadas” e varios listados de artigos retractados por categorías (premios Nobel, Covid, artigos redactados por ChatGPT, etc. )
![]() |
Base de datos de RetractionWatch |
En calquera caso sempre é recomendable comprobar en varias fontes que os artigos que imos citar no noso traballo non teñen sido retractados, porque a cobertura é variable.
Referencias:
viernes, 22 de noviembre de 2024
25 anos do pasamento de Gonzalo Torrente Ballester
Este ano celebramos os 25 anos do pasamento de Gonzalo Torrente Ballester, un dos escritores españois máis polifacéticos do século XX, e tamén un dos máis laureados posto que recibiu múltiples premios e entre eles algúns dos de maior sona no ámbito hispánico como: o Premio da Crítica 1972, o Premio Nacional de Literatura 1980, o Premio Príncipe de Asturias de las Letras 1982 o Premio Cervantes 1985 e o Premio Planeta no 1988.
Este ferrolán insigne, Académico na Real Academia da Lingua Española e da Real Academia Galega, foi ademáis dun gran novelista, dramaturgo, articulista, ensaísta, crítico literario, guionista cinematográfico e profesor de historia e de literatura.
Aínda que viviu moitos anos na diáspora, Torrente Ballester estivo sempre moi vinculado a Galicia e de xeito especial ós lugares onde morou e exerceu a súa docencia: Ferrol, Santiago, Bueu, Pontevedra, e Vigo. Ferrol foi a súa vila natal, onde viviu en varios períodos e onde descansan os seus restos mortais. Santiago, a cidade na que primeiro foi estudante e logo profesor da súa Universidade, na que escribiu a súa primeira novela e onde está a súa fundación. Bueu onde casou por primeira vez... Todas elas foron fonte de inspiración e escenario de moitas das súas obras, polo que están presentes tamén na exposición recentemente inaugurada na Biblioteca Nacional de España, que pretende render unha homenaxe merecida e sincera a este gran autor ó mesmo tempo que aspira a acercar a súa figura a toda a cidadanía.
A exposición, “Gonzalo Torrente Ballester, la travesía de un creador”, comisariada por Carmen Becerra, profesora da Universidade da Vigo experta na obra do autor, e o que fora reitor da Universidade de Santiago, Darío Villanueva, está organizada pola BNE en colaboración coa Fundación Gonzalo Torrente Ballester e outras entidades como a Xunta de Galicia. Dita exposición pódese visitar de balde ata o 12 de Xaneiro do 2025 na Biblioteca Nacional e esperamos no próximo ano podamos desfrútala en terras galegas, posto que tal como se anunciou na súa presentación a exposición viaxará por distintos puntos da xeografía.
Mentres tanto deixámosvos unha colección en Crunia coas súas obras disponibles nas bibliotecas da UDC e unha escolla de recursos en internet sobre a súa vida e obra .
- Biografía , na Real Academia da Historia
- Biografía como gañador do premio Cervantes
- Monografía sobre Gonzalo Torrente Ballester do Centro Virtual Cervantes
- Rexistro sobre o autor da Biblioteca Nacional Española
- Peza documental de Informe semanal elaborada no decimo quinto aniversario do seu falecemento
- Documental sobre Gonzalo Torrente Ballester disponible en RTVE
- Adaptación televisiva da obra Los gozos y las sombras disponible en RTVE
viernes, 25 de octubre de 2024
A investigación da Universidade da Coruña en acceso aberto
Co gallo da semana do acceso aberto dende o servizo de Biblioteca queremos facer un pequeño resumo do traballo feito e coller pulos para seguir adiante, no camiño para acadar o obxetivo da Ciencia Aberta. Para isto imos a botar unha ollada ó portal de investigación da universidade da Coruña, que é a ferramenta que recolle e agrupa a producción científica da universidade.
Segundo os datos que nel se recollen, o persoal investigador ten producidos uns 57.523 documentos, un 39% dos cales están dispoñibles en acesso aberto, uns 22.723 documentos.
Da producción científica da UDC difundida mediante acceso aberto un 21% son teses, o 59% son artigos e o 20% restante corresponde a outro tipo de publicacións.
Como era de esperar, os artigos de revista supoñen a maior parte da producción científica en acceso aberto, posto que é o formato por excelencia para difundir os avances científicos fronte a outros tipos de documentos.
En canto a distribución de publicacións en acceso aberto por anos, hai que dicir que aínda que Universidade da Coruña se adheriu a declaración de Berlin xa en Xaneiro de 2006, non se aprecia un cambio significativo a partir desa data. Senón que a adopción do acceso aberto foi mais ben un crecemento lento, como pode verse nas imaxes seguintes.
Distribucción de publicacións en acceso aberto por ano.
Tamén se pode apreciar nas imaxes anteriores como foi o tránsito na UDC ó acceso aberto segundo as tipoloxías documentais, sendo os artigos e as achegas a congreso os que máis pronto se adaptaron o acceso aberto, mentres que os libros no se incorporaron prácticamente ate a década dos 20.
Teses
O portal do investigador organiza as teses de xeito independiente do resto de publicacións, e ademáis diferencia entre teses defendidas na UDC e teses dirixidas polo persoal investigador da universidade. Pero en moitos casos unha mesma tese aparece nos dous apartados: por ter sido dirixida por un profesor desta universidade e ser defendida na mesma institución.
No caso das teses arredor do 74% delas están publicadas en acceso aberto, as defendidas na UDC están publicadas no RUC e as dirixidas e defendidas noutras institucións no repositorio correspondente.
lunes, 14 de octubre de 2024
Benvidos o novo curso 2024/2025
Dende o servizo de Biblioteca da UDC queremos aproveitar este inicio de curso para presentar os nosos servizos ós novos membros da comunidade universitaria: alumnos, profesorado e persoal de administración e servizos.
Na nosa guía para o novo alumnado atoparás a información básica sobre as bibliotecas e os servizos: localización, horarios, coleccións, normativa, consulta en sala, préstamo, reserva de libros, renovación do préstamo, préstamo intercentros, préstamo interbibliotecario, formación, etc. Algunhas das bibliotecas ofertan a maiores outros servizos como reserva de salas de traballo en grupo, préstamo de ordenadores portátiles e préstamo de libros electrónicos.
E por se fora pouco algunhas das nosas bibliotecas agochan pequenos e grandes tesouros como:
- A colección audiovisual da Biblioteca de Socioloxia e Ciencias da Comunicación.
- A sección de comics da Biblioteca de Economia e Empresa.
- O fondo local de Ferrol e comarca, que forma parte das coleccións da Biblioteca da casa do Patín.
- A Biblioteca - Arquivo Francisco Pillado Mayor que pertence a Biblioteca da Facultade de Filoloxía.
- O patrimonio cultural da biblioteca da Escola Técnica Superior de Arquitectura, que grazas as doazóns de moitos arquitectos, converteuse nunha das bibliotecas de arquitectura máis importantes do país. Onde podemos atopar dende obras do século XVI ata ás bibliotecas dalgunhas das mulleres pioneiras da arquitectura en España.
miércoles, 24 de julio de 2024
Lecturas de verán 2024
As vacación de verán son unhas datas de merecido descanso que nos permiten desconectar das rutinas e repoñer forzas, físicas e mentais para o seguinte curso.
A lectura, e especialmente a lectura de ficción, é unha actividade con grandes beneficios para a saúde física, mental e psicolóxica da que podemos desfrutar todo o ano, aínda que as veces as obrigas laborais e familiares déixannos sen tempo de lecer que dedicarlle. Por iso as vacacións son as datas perfectas para retomar esta actividade que conta con múltiples beneficios, como mellorar a memoria e a capacidade de concentración; axuda a relaxarse, a controlar a ansiedade e a conciliar o sono; fomenta a imaxinación e aumenta a nosa empatía e a nosa intelixencia emocional. Ademais os estudos de neurociencia revelan que o hábito da lectura axuda a retrasar a aparición de enfermidades como a demencia ou o alzheimer, polo que ven sendo “a mellor ximnasia” para coidar o noso cerebro a longo prazo.
Por iso dende a Biblioteca queremos aproveitar para recomendarvos que adiquedes un chisco das vosas vacacións a sumerxivos na lectura dalgunha das obras que hai nos nosos fondos ou das últimas novidades editoriais. Podedes atopar información sobre novidades:
- No sitio Planetadelibros do grupo Planeta, onde hai dende recomendacións, os mais vendidos, as últimas novidades e obras premiadas, ata as novidades sobre libros en TikTok, unha revista e un podcast sobre libros.
- Na plataforma Ahora Qué Leo de la Sexta, onde acharedes recomendacións sobre libros, autores e novidades editoriais.
- Nos suplementos culturais de prensa en papel como Babelia ou nalgúns artigos de prensa recente como:
- As 13 novelas negras recomendadas para este verán polo xornal El País ou a selección de 5 novelas imprescindibles de Paul Auster, que fixo co gallo do seu pasamento.
- As recopilacións das 20 millores novelas e os 20 mellores ensaios feitos polo periódico El Mundo.
- Os 20 clásicos recentes da literatura galega e a selección dos mellores libros para o verán propostos polo diario A voz de Galicia .
- Os libros premiados en certames literarios como os premios Xerais 2024 que recolle o periódico Praza.gal.
- Nos apartados de novidades dos sitios web das librerias e editoriais, p. exemplo: La Casa del Libro, Kalandraca, Anagrama, CEGAL, Todos tus libros, etc.
- Nas redes sociais e plataformas de podcast podes atopar tamén canles especificos sobre libros e lectura, algúns exemplos para coñecer Booktubers de España , Podcast de literatura, Booktokers ou Bookstagrammers.
- Nas feiras do Libro, que na Coruña que se celebrará este ano entre o 1 e o 10 de Agosto, durante as cales poderás ademais beneficiarte de descontos especiais dun10% sobre o prezo fixo dos libros.
Nas biblioteca da UDC podedes encontrar algunhas das suxerencias recollidas nas seccións anteriores como as principais obras de Paul Auster, que finou este ano e que recibiu o Premio Principe de Asturias en 2006, as obras de Julia Uceda a poeta afincada en Ferrol que morreu hai uns días e tamén podedes encontrar unhas coleccións temáticas coas obras de Franz Kafka, do que se está a celebrar o centenario da súa morte, e de Rosa Regás.
E tamén nas seccións BIC (Biblioteca de Interese Cultura) das bibliotecas de Arquitectura Técnica, Arquitectura Superior, Ciencias, Ciencias do Deporte e Educación Física, Dereito, Económicas, e Informática tedes unha recopilación de lecturas de ocio de diferentes xéneros e para todos os gustos que se prestan por periodos de 30 días renovables.
Dende o Servizo de Biblioteca desexamos que desfrutedes do verán e das lecturas. 😉