Volvemos a tratar do novo índice Emerging Sources Citation
Index (ESCI) do que xa falamos anteriormente,
con motivo da apertura do prazo de presentación de solicitudes de sexenios e do
incremento de información sobre este produto bibliométrico.
O pasado 8 de decembro tivo lugar un webinar sobre o ESCI, impartido pola Xefa de Research Discovery de Thomson Reuters e coa colaboración
dun editor da revista Complex
Adaptive Systems Modeling, incluída no índice.
Aínda non hai moita información sobre o Emerging Sources
Citation Index, xa que tras o seu lanzamento o pasado novembro aínda está asentando
o seu funcionamento. Decotío aumenta o número de revistas (das 3.000 iniciais
as 4.100 actuais), de artigos indexados por revista, etc.
A formadora dedicou a primeira parte da súa exposición a cuestións
xerais do novo índice como:
- As vantaxes para os editores: estar na Colección principal da Web of Science; nun índice especializado en contidos emerxentes; na lista de editores fiables de Thomson Reuters. O editor da revista CASM que falou en primeiro lugar confirmou esta mellora na visibilidade e referiu un aumento de envío de manuscritos trala inclusión no ESCI.
- Aos dous obxectivos principais da selección de revistas na WOS Core Collection (selección dos mellores contidos, provisión de estándares obxectivos á comunidade editorial) engádese un terceiro: que a colección reflicta o conxunto global da actividade científica, mediante a mostra de contido rexionalmente importante, o que supón un aumento da transparencia no proceso de selección. Hai 7 novos editores de fóra de Estados Unidos (un en Barcelona) a través de relacións con gobernos, financiadores e editores comproban que se están avaliando liñas emerxentes e que se cubre toda a literatura avaliada por pares.
- Na entrada anterior sobre o índice mencionabamos os catro requisitos para a inclusión no mesmo; estes forman parte dos 16 criterios de selección para los outros índices (SCI, SSCI, A&HCI), polo que na charla falouse da selección para a WOS como un proceso continuo con dúas fases: unha primeira de avaliación rápida para o ESCI e outra posterior de valoración completa, polo que o ESCI é un primeiro escalón de cara a inclusión definitiva nos principais índices da WOS.
