Como expón o III Plan Estratéxico de Rebiun 2020, as bibliotecas universitarias están vivindo cambios profundos en relación coa docencia e a investigación. Pouco a pouco vanse transformando os modelos de ensinanza. Esténdese a aprendizaxe virtual, increméntase a mobilidade dos estudantes e crece a investigación en rede.
Respecto á investigación, a estratexia das bibliotecas vai ser traballar xunto aos investigadores e estar presente desde o inicio nos procesos de investigación que se levan a cabo, como provedoras de información científica, como editoras das súas publicacións e como promotoras e difusoras dos seus resultados. A través da biblioteca dixital da UDC temos acceso a bases de datos, a revistas electrónicas científicas e a servizos como o metabuscador de recursos electrónicos Pórtico (para buscar en varios recursos ao mesmo tempo), ou o xestor de citas bibliográficas RefWorks, entre outros materiais.
Para aprender a empregar todos estes recursos, como se fai un traballo de investigación, como saber que revistas teñen máis impacto á hora de publicar, como identificarse como investigador, etc., a Sección de Información e Referencia da Biblioteca Central da Universidade da Coruña organiza periodicamente cursos de formación para o PDI nos campus da Coruña e Ferrol, o próximo será o venres, 20 de abril na Coruña, de 09.00 h a 15.00 h. Podedes atopar o formulario de inscrición na páxina web do Servizo de Biblioteca da UDC.
Ademais, estes cursos servirán para que o PDI que asista, nos informe sobre os recursos importantes que non temos recollidos na nosa páxina web e que botan de menos (ou de máis) dentro do seu ámbito de investigación, de esta maneira beneficiámonos todos, a Biblioteca terá una páxina máis completa e os usuarios terán información máis relevante.
Para máis información podedes chamar á Sección de Información e Referencia, ao teléfono 981 167 000, extensións 5663, 5639 ou 5665.
No hay comentarios:
Publicar un comentario