martes, 17 de abril de 2012

Demandan á Universidad Carlos III e á UAB por ‘piratería’


O diario El País publicou o 22 de marzo pasado a nova de que Cedro (Centro Español de Dereitos Reprográficos), a entidade de xestión de dereitos de autor no sector do libro, demandou á Universidade Carlos III de Madrid por ter subido sen licenza ao seu campus virtual materiais protexidos por dereitos de autor e asegura que o que están a facer as universidades sería equivalente a "engancharse" á rede eléctrica ou á de auga de maneira ilegal e sen pagar por eses servizos. O 12 de abril, La Vanguardia publica que esta entidade lle reclama á Universitat Autònoma de Barcelona (UAB) máis dun millón de euros. Ao parecer son as primeiras doutras medidas similares que pensa tomar contra máis universidades españolas, a maioría públicas.

Desde 2005 Cedro intenta chegar a un acordo coa Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE). Javier de la Cueva, avogado experto en propiedade intelectual, asesorou á CRUE e sinala que as universidades xa desembolsan cada ano 130 millóns de euros en concepto de subministros de documentación "e aí entran os dereitos de autor". Ademáis indica que as universidades "contan con 100.000 autores (os profesores universitarios) que non perciben cartos por as súas publicacións académicas, mentres que Cedro só ten 18.000 autores". Este avogado explica que a CRUE pediu a Cedro información sobre a que autores representaba, e que "as universidades decidiron non pagar nada en tanto non obteñan unha resposta". Este é o comunicado que emitiu a CRUE.

Dos 75 centros universitarios que hai en España, Cedro expón que só 3 contan con licenza Cedro para o campus virtual (e a UDC non é unha delas). Por outra banda existen 14 que contan cunha licenza "moi limitada" e exclusivamente para algunha materia ou curso. Para que o alumnado dunha universidade española poida utilizar sen límite contidos protexidos por dereitos de autor, cada centro educativo debe pagar unha tarifa anual a Cedro de 5 euros por estudante.


No hay comentarios: