viernes, 6 de julio de 2012

Recuperación do Códice Calixtino


Esta semana estamos de parabéns no eido da cultura e patrimonio galegos porque se recuperou a obra máis valiosa do Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela, o Códice Calixtino, que foi roubada hai un ano.

O Codex Calixtinus é un manuscrito iluminado de mediados do século XII. Podería considerarse a primeira guía de viaxe para os peregrinos que atravesaban o Camiño de Santiago cara á cidade santa de Santiago de Compostela. Contén consellos, descricións da ruta, obras de arte e dos costumes locais das xentes que vivían ao longo do Camiño. Ademais inclúe sermóns, milagres, textos litúrxicos e pezas musicais monódicas e polifónicas.

Nunha das bibliotecas universitarias galegas, a Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela, custódianse xoias literarias tamén importantísimas como incunables; libros dos séculos XVI ao XVIII; biblias visigóticas dos séculos XIII e XIV; a Biblioteca América, con documentos, libros e panfletos únicos da época das independencias latinoamericanas. Un exemplo destas xoias é o Libro de Horas de Fernando I de León (dixitalizado e consultable en liña), un devocionario laico con rezos e plegarias para todos os días do ano e os distintos momentos do día, escrito un século antes que o Códice, no ano 1055 por Pedro Fructuoso.

No hay comentarios: