viernes, 27 de septiembre de 2013

Semana do acceso aberto 2013


Do 21 ao 27 de outubro de 2013, terá lugar en todo o mundo a Open Access Week, un evento anual que promociona as iniciativas que se están a desenvolver para poñer a disposición, libre e gratuíta, contidos científicos, académicos, patrimoniais ou informativos. Nesta semana, diferentes institucións organizan diversas actividades para dar a coñecer a importancia do acceso aberto e para impulsar que a produción científica das entidades públicas sexa ofrecida públicamente

Un exemplo das actividades que se realizarán é a mesa redonda “Acceso abierto en España: servicios, proyectos, resultados”, que organiza a Biblioteca Nacional de España en colaboración coa CRUE. Desde REBIUN e FECYT tamén están a organizar actos e a preparar recursos: a páxina que mantén o Grupo de traballo de repositorios REBIUN recolle actividades nacionais convocadas nas diferentes universidades e organismos de investigación. Pódense consultar máis eventos na Agenda de la Semana del Acceso Abierto 2013 en España e aquí: http://www.openaccessweek.org/events

Recordámosvos que na UDC contamos co repositorio institucional RUC, o repositorio de acceso aberto creado para difundir e preservar a documentación dixital derivada da actividade investigadora, docente e institucional dos nosos membros. E na páxina da Biblioteca temos tamén información sobre o acceso aberto e diversos recursos como listaxes de repositorios de documentos en acceso aberto, open data e materiais docentes.

viernes, 20 de septiembre de 2013

A promoción da investigación e o papel das bibliotecas universitarias nesta


As institucións oficiais e o persoal das bibliotecas están a asumir o novo papel de axudar aos investigadores nun mundo complexo e cambiante. A nivel internacional estase a traballar con sistemas denominados CRIS. Un CRIS (Current Research Information System – Sistema de Información de Investigación Actual) é unha base de datos ou outro sistema de información que almacena datos de investigación actual de organizacións e científicos.

En Europa temos o EuroCRIS, a organización europea para información sobre investigación internacional.

Entre algúns exemplos de difusión e apoio á produción científica en universidades españolas, temos a Universidade Pompeu Fabra que conta cun repositorio institucional (e-Repositorio) e un Portal de Producción Científica (PPC); difunde recomendacións sobre a normalización do nome e filiación dos autores, e tamén difunde os índices para valorar revistas científicas e mellorar o curriculum vitae profesional, entre outras cousas.

Na Universidade de Oviedo contan cunha plataforma informática para interactuar coa Memoria de investigación da institución, o seu repositorio e a elaboración dos currículos normalizados dos investigadores.

Para a avaliación dos investigadores existen ferramentas como Scival, de Scopus, que é de pago; ou Biomed Experts, no ámbito da medicina, gratuíta.

En canto á Biblioteca da Universidade da Coruña, contamos co repositorio institucional RUC e cun apartado na nosa web que se chama Apoio á investigación, no que abordamos temas como o da propiedade intelectual e dereitos de autor, damos información de como publicar, difundir as publicacións e editar unha revista científica, da publicación científica e a súa avaliación, etc.

viernes, 6 de septiembre de 2013

O acceso aberto e o DOAJ


O acceso aberto implica a dispoñibilidade libre e gratuíta dos contidos científicos e académicos en internet. Os usuarios poden consultalos gratis, descargalos, imprimilos, distribuílos ou citalos.

O acceso aberto facilita a accesibilidade dos  documentos e a visibilidade dos autores.

Para publicar en acceso aberto existen dúas vías:
  • Vía verde: publicación en repositorios institucionais, como o RUC, da Universidade da Coruña.
  • Vía dourada: publicación en revistas ou editoriais de acceso aberto. Para coñecer estas revistas e revisar as súas políticas de publicación pódese consultar: E-revistas ou Redalyc, para revistas do ámbito hispano; e DOAJ (Directory of Open Access Journals).
Queremos destacar este último, o DOAJ, que cumpriu o pasado maio 10 anos, e según o blog Infotecarios, é na actualidade o directorio máis amplo e recoñecido de revistas de acceso aberto, cun total de 9953 revistas e 1.174.289 artigos de 120 países. Outros datos de interese sobre o DOAJ:
Este directorio é útil, entre outras cousas, para consultar as revistas en procura dalgunha información concreta, e tamén o emprega persoal investigador para buscar revistas da súa especialidade nas que publicar en acceso aberto.