viernes, 9 de octubre de 2015

O APOIO AOS INVESTIGADORES POLA BIBLIOTECA DA UDC (E IV)



Á hora de estruturar as plataformas 2.0 dispoñibles para o científico, cabe establecer unha serie de círculos concéntricos; os interiores ou nucleares soportan os exteriores e a cada un deles pode asignárselle unha función.  

O primeiro círculo agruparía os sistemas de identificación e perfil ORCID, ResearcherID, Google Scholar Citations, Dialnet ID e Scopus Author ID, que permiten a creación do perfil bibliográfico dixital, tal como se explicou no primeiro módulo do curso. Permite medir o impacto e obter unha listaxe completa da produción científica. Simplifica a elaboración de solicitudes de recoñecemento da actividade investigadora.

O segundo xiraría en torno ao acceso aberto e, no caso da UDC, tería o seu foco no RUC, o repositorio institucional da Universidade, composto por unha rede de comunidades (departamentos) e traballos identificados uniformemente. A ciencia 2.0 constrúese sobre o traballo colaborativo e en rede de científicos, facilitando unha difusión, visibilidade e comunicación máis sinxela, rápida e eficente dos datos, métodos e resultados da investigación. Na actualidade hai dende normas europeas e nacionais a, nalguns casos, políticas institucionais que establecen o deposito en aberto a investigación con financiamento público. O acceso aberto e o RUC foron obxecto de estudo a segunda semana do curso.
O desenvolvemento das tecnoloxías da web 2.0 tamén constitúe un factor relevante neste ámbito, do mesmo xeito que o papel xogado por Google Scholar e Dialnet. Xunto ao RUC aparecen as redes sociais científicas, que facilitan a comunicación entre investigadores. ResearchGate e Academia.edu son os exemplos máis destacados. Facilitan a publicación no perfil do investigador dos seus traballos non publicados en revistas de pago (artigos, datos de investigación, documentos de traballo,etc.) na rede (se non dispón de repositorio institucional) e a súa diseminación na comunidade. O número de usuarios destas redes sociais científicas é suficientemente grande para que teñan un valor significativo segundo a Lei de Metcalfe, que di que o valor da rede aumenta proporcionalmente ao cadrado do número de usuarios do sistema. O valor está no número de persoas, no número de traballos, e na visibilidade, repercusión ou impacto que facilitan. O investigador da UDC non necesita subir o texto completo dos seus artigos a estas redes; pode enlazalo ao RUC. As métricas web dos repositorios, as altmétricas e article-level metrics, permiten avaliar o interese. Tamén medidas como o RG Score ou as Academia.edu analytics.

O terceiro é aínda incipiente en España, pero xa esta cobrando forza en Reino Unido e Estados Unidos, países nos que se valoran como mérito as actividades de divulgación e contribución á sociedade (outreach, public engagement); ambos son elementos da Responsible research & innovation, acción clave do programa Horizon2020. No noso país hai algunhas cátedras dedicadas á comunicación e divulgación científica, pero os investigadores normalmente non dispoñen do tempo e dos recoñecementos suficientes para desenvolver habitualmente este tipo de actividade; é o investigador concreto o que optará por realizalas. Para iso dispón de redes xerais como Facebook ou Twitter, que é neste círculo onde atopan o seu campo de expansión, aínda que tamén poden complementar a ciencia 2.0. A conta de Facebook ou de Twitter creada para divulgación é diferente da que pretende a comunicación con outros científicos -Using Twitter in university research, teaching and impact activities. Ultimamente fálase de Research Gate como do “Facebook para científicos”; é máis adecuado, permite subir traballos, etc. Tamén entre esta esfera e a anterior están os blogs científicos: desde os que recollen o diario do traballo de investigación ou publican resumos técnicos dos seus últimos resultados (as revistas non permiten a publicación dos seus artigos en blogs), pasando polos intermedios que nalgúns casos se aloxan en portais de editoriais e noutros en redes de blogs  (o blog dun departamento ou a súa páxina web ou de Facebook normalmente son Ciencia 2.0), ata chegar aos blogs de divulgación, con noticias atractivas que esperten o interese do público -How should researchers talk about science to the public?-. Se incardinan dentro doutras actividades de divulgación: eventos, medios de comunicación xerais (revistas, televisión), exposicións, charlas. Da tarefa complicada de medir a influencia ou o interese nesta esfera ocúpanse por unha banda as altmétricas e por outra, aplicacións como Klout, Kred ou PeerIndex.

No hay comentarios: