viernes, 9 de marzo de 2018

Bibliotecas universitarias: situación actual e tendencias de futuro



Nos últimos anos as bibliotecas universitarias víronse afectadas por diversos cambios, fundamentalmente no eido da tecnoloxía, o que permitiu mellorar diferentes aspectos da xestión bibliotecaria, tanto dende o punto de vista do proceso técnico como da atención ao usuario, renovación de espazos, etc.
Son diversos os informes que analizan o entorno cambiante no que se moven as bibliotecas universitarias na actualidade. Como exemplo, podemos citar o de SCONUL, asociación de bibliotecas universitarias británicas, que foi reseñado en España por Ángel Borrego no artigo ¿Qué futuro para las bibliotecas universitarias?. Entre ditos cambios destaca a “datificación” da ciencia, que inclúe tendencias como o acceso aberto, a ciencia aberta, a minería de datos, a intelixencia artificial, as humanidades dixitais ou as redes sociais de contido académico. Tamén se cita unha aprendizaxe máis flexible, social e baseada en ferramentas tecnolóxicas, así como a importancia que adquire a curación de contidos creados dentro da propia institución para poñelos a disposición dunha audiencia externa.

Por outra banda, se miramos cara ao futuro, destacamos o Informe Horizon edición bibliotecas sobre las tendencias en bibliotecas universitarias, no que na súa última edición 2017 recolle as tendencias que serán importantes nas bibliotecas universitarias nos vindeiros 5 anos, dividíndoas en 3 bloques segundo o prazo de anos: a curto prazo (1-2 anos) destacan a xestión de datos de investigación (indícase que arquivar as observacións que conducen a novas ideas converteuse nunha parte fundamental da difusión de informes) e valorar a experiencia do usuario. A medio prazo (3-5 anos) destacan aos usuarios como creadores (xa que nos últimos anos existe un aumento das comunidades de creadores, proxectos financiados por crowdfunding…) e repensar os espazos da biblioteca (co obxectivo de mellorar a interacción cara a cara cos usuarios). Finalmente, a longo prazo (5 ou máis anos) inclúese a colaboración interinstitucional (mellorando o acceso a materiais académicos e participando en proxectos cooperativos) e a evolución da natureza dos rexistros de impacto da investigación (facendo referencia as ferramentas altmétricas emerxentes).

Por último, podemos citar os retos de futuro que expón Rebiun no seu actual Plan Estratéxico, que se enmarcan en 3 escenarios: tecnolóxico (dixitalizar coleccións, crear contidos, adaptar os servizos bibliotecarios ás redes sociais dos usuarios…), de aprendizaxe e investigación científica (innovar en instalacións, espazos e servizos para adaptarse á aprendizaxe virtual, crear  servizos  bibliotecarios  personalizados  para os investigadores, xestionar a produción, edición e difusión das publicacións…) e de alianzas e calidade (o reto de futuro é a cooperación, e as alianzas e a internalización da biblioteca van a ser cada vez máis necesarias para poder ofrecer servizos de calidade e unha información científica relevante á  universidade).

No hay comentarios: