viernes, 30 de octubre de 2020

Acceso desde fóra da UDC á colección electrónica da biblioteca

Con esta nova publicación no blog queremos lembrarvos que desde fóra dos espazos universitarios é posible consultar os recursos electrónicos (bases de datos, plataformas de libros e coleccións de revistas) contratados pola biblioteca. Soamente tedes que autenticarvos como membros da comunidade universitaria desde esta páxina, identificándovos coas vosas credenciais persoais da UDC (usuario e contrasinal). Polo tanto este acceso só é válido para os membros da universidade: estudantado, persoal docente e investigador (PDI) e persoal de administración e servizos (PAS). Podedes consultar o proceso nesta guía ou neste vídeo.

Tamén é de interese estoutro vídeo no que se explica como consultar os recursos electrónicos no catálogo da biblioteca. Aínda que a consulta do catálogo é libre desde calquera ubicación, se accededes desde fóra da UDC é preferible que primeiro vos autentiquedes na ligazón indicada anteriormente para poder acceder ao contido dos recursos.

Ademais deste acceso, algúns recursos electrónicos teñen un acceso institucional a través de RedIris, que permite acceder desde fóra da UDC directamente desde a páxina do recurso (é dicir, non é necesario entrar na páxina da biblioteca previamente), premendo nunha ligazón co nome de "Acceso institucional" ou "Acceso Shibboleth" e seleccionando a institución á que pertence a persoa usuaria, neste caso a Universidade da Coruña. Unha vez seleccionada, solicitarase a autenticación co nome de usuario e contrasinal da UDC. Nesta Infoguía podedes consultar a listaxe de bases de datos, revistas e libros electrónicos con acceso institucional. Para cada un destes recursos, tedes na nosa web unha guía do procedemento para realizar este acceso.

O xestor bibliográfico RefWorks tamén permite a autenticación remota dos usuarios/as no seu propio portal a través de Shibboleth. Nesta Guía de autenticación federada en RefWorks podedes consultar o proceso. Así mesmo, os usuarios/as que estean dados de alta no servizo de préstamo interbibliotecario tamén poden empregar o acceso institucional para entrar no seu rexistro. Dentro da páxina web so é necesario seleccionar a opción "Validarse con SIR" e introducir as credenciais da universidade.

Rematamos esta publicación lembrándovos que se necesitades axuda á hora de realizar buscas ou consultas nalgún recurso electrónico, dentro das páxinas de información das diferentes bases de datos e portais dos editores de revistas e libros electrónicos, proporciónanse guías e titoriais de uso de cada unha das plataformas.

No hay comentarios: