viernes, 30 de abril de 2021

Horizonte Europa

Con motivo da presentación esta semana do portal español do programa Horizonte Europa, dedicamos esta publicación a achegarvos información sobre este novo programa marco de investigación e innovación (I+I) da Unión Europea (UE) para o período 2021-2027, cuxa entrada en vigor está prevista para a segunda mitade de maio.

Horizonte Europa, que substitúe o seu predecesor Horizonte 2020, ten como principal obxectivo alcanzar un impacto científico, tecnolóxico, económico e social dos investimentos da UE en I+I, fortalecendo as súas bases científicas e tecnolóxicas e fomentando a competitividade de todos os Estados Membros. O programa está organizado ao redor de tres piares, como pode observarse na seguinte imaxe:

O piar 1, Ciencia excelente, a través do Consello Europeo de Investigación financiará os mellores proxectos presentados por persoal investigador. Tamén apoiará o desenvolvemento profesional e a formación do persoal investigador a través das actividades de mobilidade internacional do programa  Marie  Sklodowska- Curie, e investirá en mellorar o acceso  ás infraestruturas de investigación.

O piar 2, Desafíos globais e competitividade industrial europea, financiará a investigación no ámbito dos retos sociais e globais (saúde, cambio climático, enerxías renovables…). Tamén incluirá o Centro Común de Investigación (JRC), que asistirá a UE e os gobernos nacionais achegándolles evidencias científicas e soporte técnico.

Por último, o piar 3, Europa innovadora, ten como obxectivo facer de Europa unha potencia pioneira na innovación, apoiando a empresarios, pymes e persoal científico.

Entre as principais novidades de Horizonte Europa con respecto a Horizonte 2020 destacan:

  • Creación do Consello Europeo de Innovación.
  • Creación de cinco novas misións de investigación e innovación enfocadas cara aos retos sociais e destinadas a facer fronte aos problemas que afectan á vida cotiá: loita contra o cancro, adaptación ao cambio climático, obtención de solos sans, limpeza e recuperación dos océanos e cidades intelixentes e climaticamente neutras.
  •  Reforzo da política de ciencia aberta cunha maior apertura:

o   Acceso aberto obrigatorio para as publicacións

o   Plan obrigatorio de xestión de datos para datos FAIR

o   Uso da Nube Europea da Ciencia Aberta (EOSC)

  • Novo enfoque das asociacións: asociacións máis ambiciosas e baseadas en obxectivos coa industria en apoio dos obxectivos políticos da UE.

Outras ligazóns de interese:

- La UE pone en marcha Horizonte Europa, su gran plan de investigación e innovación, no xornal El País.

- Horizonte Europa: la inversión europea en la ciencia (infografías), na web do Parlamento Europeo.

- Xornada de presentación en España de Horizonte Europa: presentacións e gravacións.

No hay comentarios: