viernes, 14 de mayo de 2021

Xela Arias, Letras Galegas 2021


Este ano o Día das Letras Galegas está dedicado á escritora, tradutora, editora e docente Xela Arias (1962-2003). O seu pai, Valentín Arias, foi xerente da editorial Galaxia e presidente da Asociación de Tradutores Galegos, o que sen dúbida lle influíu. En 1980 incorporouse ao equipo de Edicións Xerais, traballando como correctora de estilo e editora. Posteriormente realizou os estudos de Filoloxía Hispánica para converterse en profesora de ensino secundario.

Como poeta, publicou Denuncia do equilibrio (finalista do Premio Losada Diéguez), Tigres como cabalos, Darío a diario (unha reflexión poética dedicada ao seu fillo) e Intempériome (o seu último poemario, editado o mesmo ano da súa morte).

Como tradutora, Xela Arias traduciu ao galego coñecidas obras como El bosque animado, de Fernández Flórez; Dublineses, de James Joyce; ou El último mohicano, de Fenimore Cooper, entre outros, todos eles editados por Xerais.

A súa obra contribuíu á renovación da poesía galega, co tratamento de novos temas e un estilo moi persoal e cualificado de vangardista, sendo precursora do boom literario feminino que se deu na poesía galega nos anos 90.

Entre as numerosas actividades conmemorativas organizadas con motivo deste día destacan as seguintes:

  • O acto central do Día das Letras Galegas celebrará a figura e a obra de Xela Arias dende Vigo, escenario fundamental da vida da homenaxeada, e poderá seguirse en directo dende a web da Real Academia Galega (RAG). Neste Pleno extraordinario da RAG intervirán os/as académicos/as Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas.
  •  Exposición itinerante “Xela Arias. Asinamos ser libres”, que percorrerá once concellos galegos ata final de ano para dar a coñecer ao público a obra e a figura da escritora.
  • “Desordénate coas letras”, programación organizada pola Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña e polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña que inclúe un Escape Room Virtual, recitais ou unha mostra bibliográfica, entre outros.

Ademais destas actividades concretas, a Xunta, a RAG e o Consello da Cultura, en colaboración coa CRTVG e múltiples entidades e empresas, deseñaron un conxunto de propostas no ámbito literario, expositivo, deportivo, musical ou escénico descentralizadas por toda a Comunidade. O programa completo pódese consultar nesta ligazón.

No que respecta á Universidade da Coruña, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía organizou diversos actos nestas primeiras semanas de maio: unha mesa redonda, unha maratona de lecturas de textos de Xela Arias e un concerto d'A banda da Loba.

Ademais, a Biblioteca de Filoloxía acolle actualmente unha exposición dedicada aos homenaxeados nos Días das Letras Galegas nos anos 2020 (Ricardo Carvalho Calero) e 2021 (Xela Arias). No seu Pinterest se pode consultar a selección de obras expostas sobre esta última.

Outras ligazóns de interese:

Por último, deixámosvos esta ligazón do noso catálogo coas obras que temos de Xela Arias na Biblioteca da UDC.

No hay comentarios: