viernes, 22 de marzo de 2024

Intelixencia artificial e bibliotecas



A intelixencia artificial (en adiante IA) experimentou un pulo moi importante nos últimos anos, especialmente tras a aparición, e inmediato éxito, de aplicacións de IA xenerativa como ChatGPT. Esta tecnoloxía ten a capacidade de provocar cambios disruptivos en moitos ámbitos da actividade humana, traendo consigo vantaxes pero tamén inconvenientes. 

O Diccionario de la Lengua Española define a intelixencia artificial como a "disciplina científica que se ocupa de crear programas informáticos que executan operacións comparables ás que realiza a mente humana, como a aprendizaxe e o razoamento lóxico". Trátase de sistemas tecnolóxicos que que perciben o seu entorno, acumulan e analizan información do mesmo, e resolven problemas e tarefas específicas: xeración de textos, imaxes ou vídeos; detectar plaxios ou novas falsas; identificar correo malicioso; realizar traducións; facer recomendacións baseadas no historial de buscas ou compras previas, entre outros moitos. 

Algunhas das principais vantaxes da IA son as seguintes: análise de datos masivos, dos que extrae patróns, a partir dos cales resolve tarefas; automatización de procesos repetitivos; redución do erro humano en accións concretas, precisión; axilización da toma de decisións; análise de erros de seguridade.
 
Entre as desvantaxes máis significativas están: vulneración de dereitos (de imaxe, propiedade intelectual, privacidade...); posibilidade de que os datos que procese non estean actualizados; necesidade de profesionais cualificados; custo de seu desenvolvemento; perdas de emprego; falta de empatía, ética e personalización; posibilidade de usos para fins maliciosos. 

A IA nas bibliotecas 

Como non podería ser doutra maneira, esta tecnoloxía ten potencial para producir un impacto amplo no eido bibliotecario, afectando a múltiples áreas do mesmo, unhas veces de xeito profundo e outras máis superficial. Pode mellorar a experiencia dos usuarios, facilitar as tarefas habituais dos profesionais das bibliotecas ou servir de apoio na xestión e análise de datos como soporte para a toma de decisións. 
Segundo a IFLA as principais aplicacións da IA nas funcións e servizos bibliotecarios son as seguintes: 

-Facer coleccións de datos lexibles por máquina e describilas a escala.
 
-Mellorar e crear metadatos, especialmente de recursos electrónicos. 

-Melloras na busca/recuperación de información; apoio nas revisións bibliográficas.
 
-Apoio a investigadores que usen IA nos seus proxectos: xestión de datos, dereitos de autor, recomendacións sobre uso ético.

-Xerar textos, traducións e resumos: asistentes de escritura, tradutores, etc. 

-Crear imaxes e contido audiovisual

-Apoio ao márketing bibliotecario (xeración de contidos adaptados ás necesidades de usuarios específicos). 

-Chatbots ou asistentes virtuais, que dean resposta a necesidades dos usuarios: desde recomendacións de lecturas ata resolución de dúbidas frecuentes as 24 horas do día.

-IA en sistemas backend para a realización con precisión de tarefas rutineiras complexas.

-Robots para dar información ou realizar tarefas de inventario. 

-Xerar contidos de aprendizaxe adaptativos. 

-Análise de datos para mellorar a eficiencia e a toma de decisións, por exemplo: estatísticas; desenvolvemento de coleccións baseadas en patróns de uso ou predicións de demanda, etc. 

-Alfabetización en IA de usuarios e persoal.

De enorme importancia pode ser, segundo a IFLA, a labor das bibliotecas no eido da alfabetización en IA, axudando aos seus usuarios e persoal a facer un uso ético e crítico desta tecnoloxía, aproveitando as súas potencialidades e, ao tempo, coñecendo as implicacións negativas que poden provocar os malos usos da mesma; en definitiva, formar usuarios en aspectos como: 

-Nocións básicas sobre IA e impacto na sociedade.

-Uso responsable: recomendacións de privacidade, propiedade intelectual, confidencialidade. 

-Boas prácticas: como sacar todo o seu potencial.

-Importancia de avaliar e contrastar con fontes fiables os resultados obtidos para evitar nesgos, alucinacións, ou información falsa (fake news, deepfakes, etc.)

A IA na Biblioteca da UDC

Polo que respecta á Biblioteca da UDC, neste momento dispón de recursos que usan esta tecnoloxía, como Grammarly, asistente de escritura baseado en IA, ou Deepl, servizo de tradución que tamén a utiliza. 

Para finalizar recomendámosvos a lectura das Directrices para o uso responsable da IA xenerativa na investigación, publicadas recentemente pola European Research Area.


No hay comentarios: