viernes, 12 de abril de 2024

Publicacións científicas fraudulentas



Nos últimos meses saíron á luz informacións que alertaban do preocupante incremento da publicación de traballos científicos fraudulentos que minan a credibilidade da actividade investigadora. De feito, no pasado 2023 acadouse un novo récord neste sentido xa que, segundo a revista Nature, o número de retractacións de artigos de investigación situouse por primeira vez por enriba das 10.000, e a maioría de analistas consideran que esa cifra sería só a punta do iceberg. Unha gran parte delas -8.000- corresponden a revistas pertencentes á editorial Hindawi, adquirida en 2021 por Wiley que, o pasado decembro, e como consecuencia destas retractacións, anunciou que deixaría de usar a marca Hindawi, ao tempo que poría en marcha procesos máis rigorosos de supervisión dos manuscritos e de confirmación da identidade dos editores invitados que adoitan supervisar os números especiais das súas revistas, nos que apareceron a maioría dos traballos retirados. 

Segundo a análise de Nature a taxa de retractación -proporción de artigos publicados nun ano determinado que acaba sendo retractado- triplicouse na última década. Arabia Saudita, Paquistán, Rusia e China presentarían, segundo este análise, as taxas máis elevadas. Estreitamente vencellados con este aumento das publicacións fraudulentas están as paper mills, ou fábricas de documentos, organizacións que producen en serie estudos científicos e venden a autoría dos mesmos a investigadores con desexos de avanzar rapidamente na súa carreira profesional. Con orixe en China, na actualidades estas fábricas xa se estende a outros países como Irán ou Rusia. Por outra parte, o uso indebido da IA xenerativa non faría máis que acelerar este aumento das publicacións fraudulentas.
 
As formas de fraude e de malas prácticas nas publicacións científicas son de diverso tipo e gravidade, e afectan a autores, revisores e editoriais. As principais serían as seguintes: 

Autores

- Plaxio: apropiarse de ideas, formulacións ou resultados doutros autores presentándoos como propios sen citar a fonte orixinal. 

- Presentación de datos inventados, total ou parcialmente; presentación de experimentos que nunca se realizaron; uso de referencias falsas ou non relacionadas. 

- Falsificación: modificación de datos correctos para obter resultados favorables; manipulacións e distorsións dos materiais, métodos ou equipos de investigación; alteración ou omisión de datos ou resultados; ignorar datos que refutan o resultado agardado. 

- Autocitas excesivas e sen xustificación. 

- Citar de xeito inxustificado o traballo doutros investigadores a cambio de que eles fagan o propio. 

- Firmar a autoría de traballos nos que non se participou ou esta participación foi testemuñal.
 
- Omitir o financiamento de empresas cuxa actividade está relacionada co tema do traballo. 

- Enviar o traballo a dúas ou máis revistas á vez, sen agardar a que a primeira rexeite o manuscrito. 

- Publicacións duplicadas ou redundantes: publicar en distintas revistas dous ou máis artigos que comparten a mesma hipótese, datos, puntos de discusión ou conclusións.

Revisores:

- Atrasar deliberadamente a publicación dun traballo sometido á súa revisión. 

- Suxerir a inclusión de citas dos seus propios traballos. 

- Rexeitar un traballo por ser dun investigador non afín ou porque refuta as súas investigacións. 

Revistas e editoriais:
 
- Autocitas: incitar aos autores a incluír citas doutros traballos publicados por esa revista a cambio de garantir a publicación dos seus. 

- Cobrar por publicar en aberto traballos que non pasan ningún tipo de revisión por pares ou control editorial (revistas depredadoras). 

Entre as motivacións para incorrer neste tipo de condutas estarían: a busca de recoñecemento; a presión por publicar; ser o primeiro en divulgar un avance ou descubrimento; a obtención dun beneficio económico; adaptar os reslutados aos postulados ideolóxicos do propio autor ou revista. 

Consellos para garantir a integridade e ética dos traballos de investigación: 

- O traballo non pode ter sido publicado previamente. 

- Non enviar o mesmo manuscrito a máis dunha revista ao mesmo tempo; agardar a que a primeira o rexeite para envialo á seguinte. 

- A publicación debe estar aprobada por todos os coautores e entidades responsables. 

- Non apropiarse de traballos doutros. 

- Non firmar a autoría de investigacións nas que non se realizou unha contribución relevante. 

- Non engadir citas inxustificadamente ou con motivacións autopromocionais. 

- Non inventar, manipular ou falsificar datos. 

- Non ocultar información necesaria para replicar a investigación. 

- Non primar motivacións persoais ou económicas sobre o rigor científico na avaliación de traballos doutros investigadores.

Se queredes facer un seguimento case en tempo real dos principais casos de retractacións que se están a dar na comunidade científica internacional podedes facelo en Retractation Watch.

No hay comentarios: