O 21 de abril pasado publicouse no BOE o Real decreto lei 14/2012, de 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo, co que se pretenden aforrar 3.000 millóns de euros.
Cada comunidade autónoma poderá modular a aplicación dalgunha destas medidas dependendo da súa situación financeira. En liñas xerais fálase de:
- Aproximar os prezos públicos dos servizos académicos das universidades ao custo efectivo destes, que se reflectirá na suba das taxas. O grao de aplicación dependerá de cada comunidade.
- Racionalizar o número de titulacións de grao mediante a esixencia dun número mínimo de alumnos. Este criterio fixarano as comunidades autónomas en diálogo coas universidades.
- Réxime de dedicación do profesorado universitario, que incidirá en que os profesores que non teñan recoñecidos sexenios (tramos de investigación), haberán de ampliar o número de créditos de docencia que imparten.
- Incorporar o principio que garanta a estabilidade orzamentaria das universidades.
- Limitar a incorporación de persoal de novo ingreso nas universidades.
- Os estudantes estranxeiros que non proveñan dun país da Unión Europea e que non residan en España, terán que pagar o 100% do custo da matrícula universitaria.
Por outra parte, a UDC contará para este ano con 123,3 millóns de euros, 6,3 millóns de euros menos que en 2011, o que vén sendo unha redución porcentual do 4,9%. Esta redución afectará proporcionalmente ao Servizo de Biblioteca. O reitor, Xosé Luís Armesto, manifestouse en contra da suba das taxas, postura que mantén a Universidade da Coruña desde o ano 2008 en que se aprobou en Claustro un documento dos estudantes en contra do aumento do prezo das matrículas (pp. 13-17).
No hay comentarios:
Publicar un comentario