viernes, 11 de mayo de 2012
Valentín Paz-Andrade
Este ano 2012, o próximo 17 de maio, o día das Letras Galegas estará adicado ao avogado, xornalista, escritor, conferenciante, poeta, político e ademais economista, Valentín Paz-Andrade. Naceu en Lérez, Pontevedra, o 23 de abril de 1898 e morreu en Vigo, o 19 de maio de 1987. Desde un principio vai ser iniciado nas letras polo seu tío Xoán Bautista Andrade, quen lle presentará sendo aínda moi novo a Castelao.
A obra de Valentín Paz-Andrade é ampla en extensión. Poesía, narrativa, ensaios e multitude de colaboracións en numerosos medios de comunicación. Unhas das súas facetas máis destacadas eran a de poeta e a de xornalista. Entre os seus títulos destacan: Los puertos nacionales de pesca. Aportacíón de Vigo al estudio del problema; Producción y fluctuación de las pesquerías; Sistema económico de la pesca en Galicia; Los derechos sobre el espacio marítimo; El capital como factor del desarrollo de Galicia; El concepto de zona económica en el nuevo derecho del mar; Galiza lavra a sua imagen; Pranto matricial; Sementeira do vento; Cen chaves de sombra; Castelao na luz e na sombra; Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo.
Valentín traballou na posta en marcha de Pescanova, a multinacional galega de pesca por excelencia. A partir de 1959 presentou un proxecto para a creación dunha gran refinaría en Galicia. E tamén deseñou un proxecto para a creación dun banco en Galicia. Estes dous últimos proxectose non saíron adiante, pero de telo feito naquela época poderían ter cambiado o perfil económico e empresarial da comunidade autónoma.
Paz-Andrade xogou un papel primordial para Galicia tamén desde a política. Xa moi novo representa a corrente autonomista e republicana do galeguismo. En 1930, tras a ditadura de Primo de Rivera, preside o Grupo Autonomista Gallego. Daquela data é un dos seus primeiros actos políticos de gran dimensión posto que xunto a Otero Pedrayo e a Daniel Castelao intervén nun mitin en Vigo en defensa do Estatuto de Galicia. Participa tamén na fundación do Partido Galeguista e foi candidato ás Cortes Constituíntes na Segunda República. Durante o franquismo, Valentín non xogou un papel activo, pero a súa loita continua por Galicia, como país, e a súa defensa acérrima dos principios de liberdade e igualdade, leváronlle en varias ocasións ao cárcere e mesmo a sufrir desterros. Posteriormente, na Transición, Valentín foi o representante galego na Xunta democrática, na Comisión Negociadora da Oposición Democrática.
Na seguinte ligazón podedes consultar as obras que temos nas bibliotecas da Universidade da Coruña relativas a Valentín Paz-Andrade e tamén as escritas por el.
A UDC vai realizar do 14 ao 16 de maio, na Facultade de Economía e Empresa, diversos actos en homenaxe a este persoeiro. Animádevos a asistir!
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario