viernes, 22 de noviembre de 2013

A evolución no tempo dos indicadores científicos


Os indicadores científicos obtéñense de indicadores bibliométricos, que son datos numéricos calculados a partir das características bibliográficas observadas nos documentos publicados no mundo científico e académico, ou os que utilizan os usuarios deses documentos e que permiten a análise de diversos rasgos da actividade científica, vencellados á produción científica e ao consumo de información. (1) 

O indicador resulta de interese para comparalo co doutros documentos (doutras zonas xeográficas, universidades, disciplinas, bases de datos, etc.) e para estudar a súa evolución co tempo. (2)

Durante moitos anos, os únicos índices de citas dispoñibles foron os elaborados polo Institute for Scientific Information (ISI), fundado por Eugene Garfield en 1960. Na actualidade estes índices están integrados na Web of Science (WOS) a través da plataforma Web of Knowledge (WOK). Que unha revista estea indexada nesta base de datos é considerado internacionalmente un criterio significativo de calidade. (3)

Outro dos produtos ofrecidos pola WOK é o Journal Citation Reports (JCR), que avalía o impacto das revistas a partir das citas. Conta con dúas edicións, a Science Edition e a Social Sciences Edition. (4)

En 2002 comezou a publicarse Scopus, outra base de datos bibliográfica con citas. (5)

A finais de 2004 apareceu Google Académico, buscador de publicacións científicas e índice de citas que permite coñecer o impacto dos traballos publicados. Outros produtos de Google son Google Scholar Citations (GSC), que recopila a produción científica dun investigador e ofrécea agregada nunha páxina, engadindo información sobre o número de citas de cada referencia; e Google Scholar Metrics (GSM), que ofrece o impacto das revistas científicas a partir dos recontos de citas. (6)

Existen tamén índices de disciplinas concretas como os Índices de Impacto de Revistas Españolas en Ciencias Xurídicas (In-RECJ), en Ciencias Sociais (In-RECS) e en Ciencias Humanas (In-RECH), ou o Factor IME (factor de impacto potencial das revistas médicas españolas).

A última novidade neste campo son as ferramentas para recopilar indicadores na web. Temos algún exemplo con Altmetric, Impact Story ou Plum Analytics.

Máis información na páxina da Biblioteca da UDC:
Bibliografía: 1-6, ARDANUY, Jordi. Breve introducción a la bibliometría. Barcelona: Universitat de Barcelona, 2012. http://hdl.handle.net/2445/30962 [En liña, 22/11/2013]

No hay comentarios: