miércoles, 6 de julio de 2016

Grandes bibliotecas dixitais (II): Hispana

Nesta entrada do blog trataremos do principal recolector español: Hispana. Antes, falaremos dos recolectores en xeral e dos españois en partícular.

Os recolectores non almacenan nun servidor propio os documentos: son portais que recollen ficheiros de metadatos con referencia á obra na biblioteca dixital orixinal (agregador). O buscador destes portais permite a procura dos obxectos colleitados nunha biblioteca dixital integrada. O desenvolvemento de estándares técnicos (OAI-PMH, EDM) posibilitou a creación destes servizos.

En España temos dos bibliotecas dixitais con obxectos dixitais recollidos de diversas coleccións: Hispana, de ámbito xeral e que abrangue os obxectos culturais, e Recolecta, para artigos científicos.

Recolecta, Recolector de Ciencia Aberta da FECYT, agrupa a todos os repositorios científicos nacionais. Conta con 840.000 documentos electrónicos de 85 repositorios.  Nace en 2007 froito da colaboración entre a FECYT e REBIUN co obxectivo de crear unha infraestrutura nacional de repositorios científicos de acceso aberto. Ofrece servizos a xestores de repositorios, investigadores e autoridades públicas.

Hispana é o portal de acceso á cultura dixital española e o agregador nacional de contidos para Europeana, pois reúne as coleccións dixitais de arquivos, bibliotecas e museos españois. É un dos resultados do Grupo de Traballo de Coleccións Dixitais do Consejo de Cooperación Bibliotecaria, coordinado pola Dirección General del Libro, Archivos y Bibliotecas, e no que participan todas as Comunidades Autónomas. Entre as coleccións que Hispana colleita destacan os repositorios institucionais das universidades españolas e as bibliotecas dixitais das Comunidades Autónomas, que ofrecen acceso a conxuntos crecentes de todo tipo de materiais do patrimonio bibliográfico español.

Hispana inclúe un directorio dos proxectos de dixitalización que se están a facer en España e na actualidade ten 620 iniciativas das mais diversas institucións, dende A Estrada miscelánea histórica e cultural, feito polo Museo do Pobo Estradense, a Biblioteca Virtual del Patrimonio Bibliográfico e a Biblioteca Virtual de Prensa Histórica do Ministerio de Cultura, ata a Biblioteca Digital Hispánica e a súa Hemeroteca Digital, da Biblioteca Nacional de España, pasando polo RUC, o repositorio institucional da Universidade da Coruña.  Constitúe por isto un instrumento que permite a coordinación entre as biblioteca dixitais, evitando a dixitalización repetida da mesma obra. Un problema non menor debido á carestía destes proxectos.

Entre as últimas contribucións a Hispana destacan dúas coleccións galegas. A xa citada Biblioteca Digital de Emblemática Hispánica e Inventarios y Bibliotecas del Siglo de Oro, ambos os dous proxectos  da Universidade da Coruña integrados na Biblioteca Digital Siglo de Oro.

A base de datos da acceso a seis millóns de obxectos dixitais pertencentes a 208 repositorios, mais como no caso da biblioteca dixital galega, o número de documentos da biblioteca é moito menor, aínda que non sabemos canto. A diferenza de Galiciana, que é un só repositorio, Hispana é recolector, recolle os obxectos como son enviados polos produtores. Isto leva a que non teñamos datos desagregados e non poidamos saber cantos documentos das diferentes tipoloxías se  inclúen nese total de 6 millóns de obxectos. O que se pode inferir cos datos de Europeana é que Hispana ten tres millóns e medio de documentos.

Hispana estivo presente en Europeana desde o seu inicio; é o primeiro agregador nacional a Europeana por número de obxectos.

No hay comentarios: