jueves, 14 de julio de 2016

Grandes bibliotecas dixitais (III): Europeana

Europeana é a biblioteca dixital europea de acceso libre, en funcionamento desde 2008 e que reúne contribucións das máis recoñecidas institucións culturais dos 28 Estados membros da Unión Europea. Os seus fondos inclúen libros, películas, pinturas, periódicos, arquivos sonoros, mapas, manuscritos e outros arquivos.

O funcionamento de Europeana  baséase  na colaboración cos agregadores. Un agregador é unha institución que recompila os obxectos dixitais dun grupo de provedores de contido e os transmite a Europeana. Os contidos dixitais permanecen nas institucións correspondentes e  Europeana facilita o acceso a través dun portal único. No caso de España, o agregador nacional é Hispana que, como temos dito, recolle o material dos repositorios, no noso caso de Galiciana.

Europeana comezou con dous millóns de obxectos dixitais e a súa colección alcanzou xa os 54 millóns de documentos, aportados por unhas 2.300 institucións entre bibliotecas, arquivos, galerías e museos. Os grandes museos e fundacións (Rijksmuseum , Museo del Prado, Louvre, Thyssen) figuran entre os seus provedores de obxectos dixitais. >TEL (The European Library), con 11 millóns de exemplares, é o seu principal provedor; e Hispana, o maior agregador nacional. A colección está formada por unha gran variedade de documentos en 45 idiomas e todas as tipoloxías: libros, periódicos, revistas, cartas, diarios, fondos de arquivo, cadros, pinturas, mapas, debuxos, fotografías, música, tradición oral gravada, emisións de radio, películas e outros programas televisivos.

A web está estruturada en catro sitios, Discover, que permite buscar nas coleccións a través da herdanza cultural europea, Network, rede para os profesionais da cultura, Develop, un laboratorio no que se poden mesturar contidos culturais, e Connect, dedicado á comunidade académica.
O sitio principal mudou o seu nome a principios de ano a Europeana Collections. Ten dúas coleccións específicas, Europeana Music e Europeana Art History. Tamén fan exposicións virtuais como temos na actualidade a titulada “Los rostros de Europa”. Nela, co fin de poñer de relevo os tesouros nacionais de cada país europeo, os 28 estados membros da UE, no marco da campaña Europeana 280, seleccionaron das súas colecciones  10 obras que teñan contribuído a algún dos principais movementos artísticos europeos. Tamén e salientable o apartado Europeana Research, no que se mostran as coleccións de especial  interese para os investigadores.


Europeana suma 54 millóns de obxectos dixitais. Un total que contén 29 millóns de imaxes, 23 millóns de títulos de libros e cabeceiras de revistas, máis dun millón de vídeos, 800.000 gravacións de son e 26.000 obxectos 3D; do total temos tres millóns e medio de obxectos en español.

No hay comentarios: