viernes, 10 de febrero de 2017

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia




Co fin de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, mediante resolución do 15 de decembro de 2015, decide proclamar o 11 de febreiro como o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, sendo este 2017 o segundo ano en celebrarse.
As universidades galegas participan activamente nesta homenaxe con diferentes actividades. 
A UDC participa mañá sábado 11 de febreiro ás 11:00 no salón de actos do Centro Universitario de Riazor nun ciclo de charlas curtas impartidas por profesoras e alumnas da nosa universidade, que falarán da vida e os logros científicos de diversas pioneiras en diferentes campos da ciencia. Falarase das matemáticas María Wonenburguer e Augusta Ada Byron, da enfermeira Florence Nightingale, da química e cristalógrafa Rosalind Franklin, da arquitecta Lina Bo Bardi, da bioquímica Esther M. Zimmer e da entomóloga Maria Sybilla Merian.
Xa pola tarde, na Domus, entre as 16.30 e as 19.00 tamén haberá diferentes charlas coa muller e a ciencia como núcleo central. O programa completo pódese consultar nesta ligazón

Pola súa banda, a Universidade de Santiago de Compostela conmemora este día coa inauguración hoxe venres na Biblioteca Concepción Arenal da exposición “Mulleres no laboratorio: primeiras científicas da USC”, pretendendo rescatar do esquecemento as primeiras científicas que pasaron pola universidade e que co seu esforzo e empeño lle abriron as aulas ás mulleres. Poderá visitarse ata o vindeiro día 24.
Por último, a Universidade de Vigo, organiza unha serie de obradorios co título Elas fan CienTec dirixido a rapazas de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria.

Volvendo a nosa universidade, destacamos que as bibliotecas da UDC tamén homenaxean dende hai anos a todas aquelas mulleres que traballaron nos distintos campos da ciencia. Dende o ano 2013 elabora con motivo do Día Internacional das Mulleres (o 8 de marzo), a exposición bibliográfica Mulleres nas Bibliotecas da UDC, na que participan diversas bibliotecas. En cada unha delas, a exposición céntrase na vida e obra dunha selección de mulleres relacionadas cos ámbitos científicos de cada unha das escolas ou facultades. Compleméntase con paneis informativos, lecturas e outras actividades complementarias.
Se queredes ampliar coñecementos sobre estos temas, podemos comprobar que se facemos unha busca no catálogo da UDC atopamos nestas bibliotecas diverso material relacionado coas mulleres científicas ou coas mulleres nas ciencias .

No hay comentarios: