jueves, 2 de febrero de 2017

O servizo de apoio á aprendizaxe na web da Biblioteca da UDC



No post da semana pasada describíamos os contidos dos principais apartados de que consta o servizo de apoio á investigación na web da biblioteca. Esta semana centrarémonos no outro gran servizo de soporte á comunidade universitaria: o apoio á aprendizaxe. Desta maneira a biblioteca colabora nos procesos de creación, transmisión e xestión do coñecemento en apoio ós estudantes. Contén dous grandes bloques:
  1. Recursos de información por áreas, guías por categorías (de recursos electrónicos e de ferramentas como RefWorks, etc.) e outros catálogos.
  2. Servizos de apoio con información sobre técnicas de estudo, guías para elaborar e presentar un traballo académico, ligazóns sobre formación, bolsas, currículo e emprego.
Pasamos a desglosar a continuación cada un dos bloques. Por un lado, o apartado de recursos de información contén:
  • Recursos electrónicos por áreas: de cada un dos grandes ámbitos temáticos (Multidisciplinares, Arquitectura e enxeñaría, Ciencias, Ciencias da saúde, Ciencias sociais e Humanidades) contén un listado das bases de datos, revistas e libros electrónicos e recursos gratuitos por materias.
  • Guías por categorías: guías de uso dos recursos electrónicos suscritos pola biblioteca (bases de datos, libros e revistas electrónicas). Tamén contén guías das principais ferramentas de traballo que poden utilizar os estudantes, como o catálogo da biblioteca, Google Académico, Pórtico, xestores bibliográficos, etc. 
  • Outros catálogos: acceso a outros catálogos de bibliotecas, tanto de ámbito galego, español como internacional. 
Pola súa banda, a sección de servizos de apoio contén:
  • Técnicas de estudo: documento elaborado pola UNED no que desenvolve unha serie de técnicas que axudan a mellorar e a rentabilizar o estudo.
  • Ferramentas 2.0 de apoio ao estudo: inclúense ferramentas de almacenamento de arquivos na nube, editores de blogs e wikis, software de creación e busca de presentación, curación de contidos, cursos 0, marcadores sociais, plataformas de cursos gratuítos en liña, buscadores e editores multimedia, servizos de vídeoconferencia, xestión de notas e axendas e xestores bibliográficos.
  • Cómo elaborar e presentar un traballo académico: inclúense varios documentos, dende cómo buscar información, cómo redactar…ata técnicas de expresión oral ou cómo citar e elaborar referencias bibliográficas. Tamén hai un amplo apartado dedicado á ética científica e plaxios.
  • Formación e bolsas: información sobre o programa de formación de usuarios da biblioteca, especificando os contidos dos diferentes cursos que se imparten. Inclúese tamén un listado doutros servizos da UDC relacionados coa formación, como a Aula de Formación Informática, o Centro de Linguas, etc., así como outras webs externas á UDC de formación e bolsas. 
  • Currículo e emprego: consellos para preparar un bo currículum, así como listados dos principais servizos e páxinas web de busca de emprego.

No hay comentarios: