jueves, 31 de agosto de 2017

A oferta académica do Sistema Universitario Galego no curso 2017/2018


Coa inauguración a vindeira semana do curso académico 2017/2018 do Sistema Universitario Galego, dedicamos este post a facer un pequeno percorrido pola oferta académica (graos, mestrados e doutoramentos) das tres universidades galegas, centrándonos especialmente na UDC. Aínda que cada universidade realizará os seus correspondentes actos oficiais de inauguración, haberá un común presidido polos reitores das tres universidades galegas e que terá lugar na Universidade de Vigo o vindeiro 8 de setembro as 12.00 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

No que respecta exclusivamente aos graos, excluíndo mestrados e doutoramentos, a Comisión Interuniversitaria de Galicia resume neste tríptico a oferta de prazas das tres universidades galegas. 

Analizando independemente cada universidade, atopamos que a USC oferta os seguintes graos, mestrados e programas de doutoramento nos seus campus de Santiago e Lugo. Aparecen clasificados nas 5 grandes áreas do coñecemento: artes e humanidades, ciencias, ciencias da saúde, ciencias sociais e xurídicas e enxeñaría e arquitectura, e de cada un deles ofrécese tanto información xeral (número de prazas, admisión e matrícula…) así como información máis detallada (plan de estudos, con datos das materias de cada curso).
Pola súa parte, a Universidade de Vigo, a través dos seus tres campus (Vigo, Pontevedra e Ourense), ofrece estes graos, programas conxuntos (dobres graos), mestrados e doutoramentos, dos que inclué bastante información na súa web a través de folletos, videos ou memorias.

Centrándonos xa na nosa universidade, a UDC, composta polos campus de A Coruña e de Ferrol, oferta numerosos graos, mestrados e doutoramentos dos que se atopa información detallada de cada un nas seguintes guías: información xeral cos obxectivos de cada titulación, saídas profesionais e académicas, profesorado, así como a estrutura dos estudos, con tódalas materias organizadas por cursos coas súas respectivas guías docentes.
Para aqueles novos estudantes que se incorporen este ano á universidade, a UDC achégaos a nosa institución a través deste vídeo de presentación

Ademáis, a UDC conta cunha serie de estudos de posgrado propios, organizados pola propia universidade ou en colaboración con outras institucións, que conducen á obtención de títulos exclusivos da UDC e que non teñen carácter oficial. Son de tres tipos: mestrados, cursos de especialización e cursos de formación específica de posgrado, dirixidos especialmente a titulados universitarios que desexan acadar un nivel de especialización complementario á súa formación.
Para ampliar a información sobre calquer estudo da UDC, podedes consultar o apartado da web dedicado a Estudos e formación.

Rematamos este post informando de novas propostas de titulacións. Aínda que non comezarán este curso, as universidades, actualizando a súa oferta académica acorde co que demanda o mercado laboral, traballan na implantación de novas carreiras a partir do vindeiro curso: no caso da UDC, materializarase en Ferrol co grao de Xestión Industrial da Moda, e os mestrados en Deseño Industrial, con especialidades de Xoias, Mobles e Automoción e Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos.
En colaboración coa USC, tamén ofertará o grao interuniversitario en Paisaxe, que se impartirá na UDC (Coruña) e USC (Lugo).

No hay comentarios: