jueves, 24 de agosto de 2017

A Biblioteca da Real Academia Galega




 A Biblioteca da Real Academia Galega está especializada na área das humanidades, especialmente nos campos da historia, folclore, literatura e lingua de Galicia, polo que resulta de gran interese para calquera achega á cultura galega.
A colección da biblioteca arranca a finais de 1905, con doazóns feitas por membros da institución e polos propios autores que foron remitindo as súas obras. O fondo máis antigo o conforman aqueles que foron expropiados aos monxes na desamortización, procedentes do Convento de Montefaro, e que foron doados á biblioteca polo Ministerio de Hacienda e a Real Academia de la Historia.
Destaca a importante colección de folletos editada pola comunidade galega en América e mais polo tecido asociativo co que se contaba en Galicia a comezos do século XX. Tamén é depositaria de bibliotecas individuais como a de Pardo Bazán, Manuel Murguía ou Luís Seoane. Na actualidade conta con máis de 60000 volumes.

A través da súa web, a biblioteca ofrece en acceso aberto copias dixitalizadas de Monografías do século XIX referidas a Galicia polo seu autor, temática ou lugar de impresión.
Tamén se pon a disposición do público a denominada Biblioteca Virtual, unha pequena colección de vintecinco obras dos clásicos galegos, dos que se nos dá dúas versión en liña: unha en texto html e outra en imaxe jpg, ademáis dunha imaxe da cuberta de cada obra.
Ademáis destas coleccións dixitais, a web da biblioteca infórmanos da súa historia e servizos, e aparece ilustrada con curiosas imaxes como son as primeiras entradas anotadas no libro de rexistro da Academia por César Vaamonde Lores, primeiro arquiveiro-bibliotecario da mesma, ou as primeiras edicións dos nosos clásicos galegos, imaxe que acompaña a este post.

A web tamén conta cunha Hemeroteca que recolle as principais publicacións periódicas galegas editadas tanto en Galicia como no exilio, conservando máis de 2.500 cabeceiras de revistas publicadas ao longo dun período de douscentos anos, aínda que dixitalizadas non chegan á centena. Ó igual que no caso das monografías, hai revistas que proceden de coleccións persoais que pertenceron a personalidades como Manuel Murguía ou a Emilia Pardo Bazán, entre outros.
Tanto na sección web da biblioteca como da hemeroteca ofrécese un sinxelo catálogo para a busca dos seus fondos.
Para ampliar a información sobre esta biblioteca podedes consultar o artigo “A biblioteca da Real Academia Galega: unha visita virtual”.

No hay comentarios: