jueves, 17 de agosto de 2017

Os fondos teatrais da Biblioteca da UDC: A Biblioteca Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor



A Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor nace dun convenio de doazón asinado en 1996 entre o escritor Francisco Pillado Mayor e a UDC. Trátase dun fondo bibliográfico especializado en teatro, constituído tanto polos libros e revistas doados por Francisco Pillado como por outros mercados pola UDC, e que se atopa na Biblioteca da Facultade de Filoloxía da UDC.

A Biblioteca Pillado é unha colección de monografías e revistas de teoría do teatro e das artes escénicas, textos de teatro clásico e contemporáneo, en galego e noutros idiomas.  Os libros datan desde mediados de século XIX, co primeiro texto impreso do teatro galego, ata os últimos títulos dedicados ao mesmo.

O Arquivo Pillado é unha colección documental que ao longo da súa traxectoria profesional reuniu Francisco Pillado e que medra cada día con novas achegas de arquivos privados e persoais, de entidades ou de compañías teatrais que lle proporcionan periodicamente documentación sobre as súas actividades. Estes documentos están agrupados no catálogo da Biblioteca da UDC na serie "Colección Francisco Pillado Mayor", que á súa vez subdivídese nas seguintes subseries: Arquivo Luís Seoane, Carteis, Compañías, Eventos, Materiais gráficos e audiovisuais, Música, Organismos, Prensa, Programas de man e folletos, Publicacións, Representacións e Textos. O acceso a este arquivo está restrinxido a investigadores, previa autorización da Biblioteca. 

Pola súa parte, o Servizo de Publicacións edita unha colección vinculada coa devandita biblioteca: a colección Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor, que ten publicado a día de hoxe 72 títulos.

Cómpre sinalar que toda a documentación da Biblioteca-Arquivo pode consultarse vía web no catálogo da biblioteca da UDC. A maior cantidade de rexistros correspóndense cos carteis e cos programas de man e folletos, aínda que tamén atópanse outras tipoloxías documentais como materiais gráficos e audiovisuais, prensa, etc.
Ademáis, no Repositorio da Universidade da Coruña (RUC), dentro do seu apartado Coleccións especiais está accesible a imaxe dixitalizada da totalidade da colección de carteis e fotografías. 

Por último, citamos como material  de interese esta Guía de recursos sobre teatro, elaborada e mantida polo persoal da Biblioteca de Filoloxía da UDC.
Para obter máis información sobre este fondo teatral podedes consultar o artigo “Os fondos teatrais da Biblioteca da Universidade da Coruña”.

No hay comentarios: