viernes, 12 de enero de 2018

A desigualdade de xénero no traballo. Mulleres e bibliotecas

Imaxe: La sombra de una duda, Alfred Hitchcock, 1943.


Comezamos o ano cun post sobre un dos temas que máis notoriedade tivo no pasado ano 2017 e que segue vixente ano tras ano: a desigualdade de xénero no traballo. Comezaremos facendo unha análise xeral para posteriormente centrarnos no ámbito das bibliotecas.
O último informe do Foro Económico Mundial sobre a fenda de xénero, alerta de que tras unha década de progresos lentos pero constantes, este pasado ano varios indicadores de paridade non só se  estancaron senón que empeoraron.
Unha das desigualdades máis persistentes é a salarial. Diferentes estudos constatan que as mulleres reciben menos salario por un traballo de igual valor. Segundo o INE, o salario bruto dos homes en 2016 foi de 2.075 € mensuais, e o das mulleres, de 1.661 €. Ademais, o número de mulleres que gañan menos de 1.000 € é o dobre que o de homes. No que respecta ao número de mulleres activas no mercado laboral é un millón e medio inferior ao de homes no caso de España.
En relación con esta diferenza salarial, destacamos unha nova deste estreado ano: Islandia converteuse no primeiro país en prohibir por lei que os homes poidan cobrar máis que as mulleres en traballos da mesma categoría. Así, tanto ás empresas privadas como ás entidades públicas que conten en plantilla con polo menos 25 traballadores, esixiráselles un certificado de paridade salarial e as que non o obteñan deberán pagar multas.
Como curiosidade citamos que esta semana saíu á luz neste artigo de prensa a esaxerada diferenza salarial entre os dous protagonistas (masculino e feminino) da última película de Ridley Scott. 

Centrándonos no caso concreto do traballo bibliotecario, trátase dunha profesión altamente feminizada. Aínda que ten data de hai uns anos, podemos citar como exemplo un informe no que se aportan datos concretos ao respecto: segundo o Estudio FESABID  sobre  los  profesionales  de  la  información.  Prospectiva  de  una  profesión  en  constante evolución, o 71,9% do persoal empregado en España con ocupación de   arquiveiros,  bibliotecarios  e profesionais  asimilados  ou  de axudantes  de  bibliotecas  e  asimilados son mulleres.
Se consultamos datos de Rebiun, a Biblioteca da UDC conta con 101 persoal bibliotecario segundo estatísticas do 2016 (último ano dispoñible), dos cales 77 son mulleres e 24 homes segundo o actual directorio do persoal das bibliotecas. No que respecta aos cargos directivos, soamente un home ocupa a dirección dunha das bibliotecas de centros, o resto están ocupadas por mulleres.
Para finalizar, se queredes profundizar sobre a feminización da profesión bibliotecaria, recomendámosvos o traballo Mujeres y trabajo: la feminización de la profesión bibliotecaria, de Alba Rodríguez Toajas, no que se remonta ás orixes da profesión bibliotecaria no seu sentido moderno para explicar por qué e como se construíu o estereotipo da bibliotecaria e a súa representación. 

No hay comentarios: