miércoles, 20 de diciembre de 2017

Nadal 2017



Con motivo desta fin de semana de Nadal, achegámosvos a historia dunha das figuras da tradición popular galega relacionada con estas datas, o Apalpador. Acompañamos o post cunha representación gráfica do mesmo, realizada polo artista Leandro Lamas.
A súa orixe vincúlase coas zonas do interior rural de Galicia, concretamente da montaña lucense. Son moitas as persoas máis maiores destes lugares as que lembran a súa figura e cantan as cancións populares que lle adicaban. Algúns exemplos atópanse neste documental con testemuñas sobre esta tradición recollidas en diversas comarcas galegas, estas declaracións dun home de Lugo que lembra a tradición cando era neno ou as palabras desta veciña do Courel.
Estas conversas cos veciños das montañas lucenses recompílanse no libro Teoría de inverno, editado polo colectivo “A Ghentalha do Pichel” e considerado o primeiro estudo en profundidade da figura do Apalpador.

Segundo a tradición, o Apalpador baixaba das montañas para "palpar" a barriga dos nenos, comprobar que estaban ben alimentados e deixarlles castañas, alimento dos invernos das montañas galegas dos séculos XIX e XX.  Este personaxe caracterízase polo seu aspecto groso e porque leva productos da terra aos nenos, acompañados de entrañables cancións, repartindo alegría e ilusión.
Durante moitos anos esta tradición caeu no olvido, pero volveu a saír á luz a raíz da publicación do investigador José André López González, que no 2006 publicou na web do Portal Galego da Lingua un traballo sobre a súa existencia. Dito documento pódese consultar na seguinte ligazón

A súa figura comezou a popularizarse como símbolo do anticonsumismo no Nadal e para recuperar os valores da tradición galega. Desta forma, nos últimos anos cada vez son máis as localidades de Galicia que celebran e escenifican nas rúas a visita do Apalpador, recuperando esta figura en cabalgatas ou actividades do Nadal. Por exemplo, na Coruña xa estivo a fin de semana pasada, e nos vindeiros días o fará noutras localidades galegas como Ferrol (o sábado 23 de decembro terá lugar a ruada do Apalpador polos barrios da cidade) ou Pontedeume (onde terá lugar un espectáculo de monicreques inspirado na figura do Apalpador). Esta obra interpretarase tamén noutras vilas galegas que se poden consultar na seguinte ligazón.

No hay comentarios: