miércoles, 18 de abril de 2018

Xestores de redes sociais: ferramentas e recursos de interese


A semana pasada tivo lugar unha xornada de formación e de intercambio de experiencias cos xestores das redes sociais de contas institucionais na UDC, #comunicaUDC2018. Ademais contouse coa participación de Sergio Fernández, responsable das redes sociais da Universidad de Sevilla, que recomendou unha serie de ferramentas e recursos para o traballo diario dos xestores de redes sociais dos que vos queremos falar neste novo post.


Unha das ferramentas destacadas é Hootsuite, plataforma que permite administrar e integrar as diferentes redes sociais nas que se teña presenza nun único panel de control, utilizando columnas e pestanas para organizar a información. Aporta unha visualización completa de tódalas accións que se están a realizar en cada unha das redes sociais, podendo controlar notificacións, mencións ou programar os contidos que se desexen de unha ou varias contas. Ademais funciona como ferramenta para filtrar información, posibilitando facer un seguimento de temas, palabras clave…do noso interese.
No que respecta aos múltiples recursos para facer máis sinxelo o traballo en redes sociais destacamos:

  • Bitly: permite levar un seguimento da cantidade de clics que conseguen as nosas ligazóns. 
  • Canva: ferramenta para editar imaxes e facer presentacións. Contén numerosas plantillas de deseños, así como un buscador que ofrece un numeroso banco de imaxes, ademais de posibilitar subir imaxes propias. Tamén inclúe textos predeseñados en formatos moi distintos.
  • Landscape: ferramenta para axustar o tamaño das imaxes ás diferentes redes sociais. En relación coas medidas e tamaños de imaxes nas redes sociais, tamén pode resultar de interese ter a man as especificacións concretas para cada unha das redes como as que se recompilan nesta web
  • Feedly: lector de RSS que permite organizar e acceder rápidamente dende un navegador web a tódalas noticias e actualizacións de blogs e demais páxinas que o sistema soporta.
  • Gimp: programa de edición de imaxes dixitais en forma de mapa de bits, tanto debuxos como fotografías.
  • Keyhole ou Tweet Binder: para a medición de hashtags.

Tampouco podemos esquecer determinadas páxinas para conseguir material libre de dereitos de autor. Como exemplos, destacamos Pixabay para as imaxes, Jamendo ou FMA (Free Music Archive) para os audios e Videezy para os vídeos.
Para finalizar, sinalar que para manterse ao tanto de determinados días internacionais e outras datas relevantes, e así planificar contidos e publicacións referidas a datas concretas poden resultar útiles os “Calendarios del Community Manager”. Nesta ligazón, un exemplo do ano en curso.

No hay comentarios: