lunes, 21 de mayo de 2018

Acceso aberto: o caso da Universidade do Minho



Entre as institucións pioneiras no establecemento dos primeiros mandatos de Acceso Aberto relativos a universidades destaca a Universidade do Minho, polo que neste post faremos un percorrido polos proxectos nos que participa.
En xeral, o desenvolvemento do Acceso Aberto en Portugal foi impulsado polas universidades, destacando o liderado desta universidade nas primeiras iniciativas como foron a creación do seu repositorio institucional, RepositóriUM (primeiro repositorio científico portugués, presentado en 2003), e a implementación dunha política institucional de autoarquivo en 2005. A Universidade do Minho converteuse así na primeira institución do mundo que obrigaba ao autoarquivo, requerimento que foi seguido posteriormente en diferentes institucións. Como dato curioso, Ignasi Labastida e César Iglesias (2006) sinalan que a partir de establecer dita obrigación, no prazo dun ano multiplicou por cinco o número de documentos.

Durante os anos seguintes diversas universidades crearon os seus repositorios, pero chegou un punto no que se fixo evidente a necesidade dun recolector científico nacional que recollera os esforzos das diferentes institucións. Así, en 2008 púxose en marcha RCAAP, Repositorio Científico de Acceso Abierto de Portugal, que conta co asesoramento científico e técnico da Universidade do Minho. Na actualidade, o RCAAP recolecta 51 repositorios institucionais (universitarios, centros de investigación, laboratorios ou hospitais).

Esta universidade tamén participa como socio coordinador no proxecto europeo FOSTER, cuxo principal obxectivo é establecer un programa de formación que axude aos investigadores, bibliotecarios e outros implicados a adoptar os principios e políticas de acceso aberto para crear e compartir coñecemento conforme ao programa Horizonte 2020 e a European Research Area (ERA). Ademais, destaca a súa participación en proxectos financiados pola Comisión Europea como OpenAIRE, que apoia a aplicación da política de acceso aberto en Europa.
Finalmente, mencionar que é membro fundador de COAR (Confederation of Open Access Repositories), confederación de repositorios de acceso aberto que une e representa a 90 institucións de todo o mundo.
En definitiva, por todo o exposto anteriormente, podemos ver a Universidade do Minho como unha das institucións na vangarda do acceso aberto.   

No hay comentarios: