Ilustración: David Pintor |
O Día das Letras Galegas vén
tendo lugar tódolos 17 de maio dende 1963. A primeira homenaxeada foi Rosalía
de Castro, xa que precisamente nesa data conmemórase o centenario da primeira
edición en 1863 da súa obra Cantares Gallegos.
Este ano está dedicado á
escritora e profesora María Victoria
Moreno Márquez. Trátase da cuarta muller (tras Rosalía de Castro, Francisca
Herrera Garrido e María Mariño) homenaxeada co Día das Letras Galegas en 55 anos
de historia.
Aínda que naceu en Cáceres, chegou
a Galicia con tan só 22 anos para exercer como profesora, e axiña asumiu a
cidadanía en galego. Cultivou principalmente a literatura infantil e xuvenil,
aínda que tamén o ensaio, a poesía e a didáctica da lingua e da literatura
galegas. Un dos maiores éxitos da literatura xuvenil na nosa lingua foi a súa
novela Anagnórise, incluída na listaxe de
honra do IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil). Tamén dirixiu
a colección "Árbore" da editorial Galaxia e participou activamente na
vida cultural e política de Pontevedra, onde faleceu en 2005.
Se vos interesa coñecer a súa
obra podedes consultar no noso catálogo
tódolos documentos que temos de María Victoria Moreno. Ademais, contamos con
algunhas biografías
sobre a autora.
Entre as actividades conmemorativas que se levarán a cabo estes días destacamos
as seguintes:
- Pleno extraordinario da Real
Academia Galega no Teatro Principal
de Pontevedra o propio 17 de maio ás 12.30 horas, na que intervirán os
académicos Xesús Alonso Montero, Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey.
- A exposición itinerante María
Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes, que pasará
por diferentes concellos de Galicia que se poden consultar na seguinte ligazón.
- Dende o Concello de
A Coruña programaron diversas actividades, entre as que destaca unha programación
específica elaborada, en común, coas librarías da Coruña. Ademais, o propio
17 de maio o Goberno local organizará, por terceiro ano consecutivo, unha
lectura pública da obra da homenaxeada dende o balcón do Pazo de María Pita ás
12.00 horas.
- Nas bibliotecas da UDC, a
Biblioteca Casa do Patín elaborou a exposición Mulleres no Día das Letras Galegas; a
Biblioteca de Filoloxía inclúe un taboleiro de Pinterest
coas obras que teñen desta autora, ademais de acoller tamén nas súas instalacións
unha exposición; a Biblioteca de Socioloxía e CC. Da Comunicación conta cunha exposición
bibliográfica de Galicia dende múltiples puntos de vista máis aló do literario;
a Biblioteca de Educación ademais de acoller unha exposición bibliográfica nas vitrinas
da biblioteca, incluiu no seu blog
un texto de Patricia Carballal, profesora da facultade, no que se achega á
visión da escola que transmite María Victoria a través das súas obras; e na
Biblioteca de Economía e Empresa fixeron un pequeno centro de interese sobre a
escritora.
Finalmente,
destacamos varias páxinas web nas que atopar moita información sobre a
homenaxeada: a Real Academia
Galega conta cun amplo apartado dedicado á historia do
Día das Letras Galegas, así como ás biografías e obras de tódolos homenaxeados
ao longo da historia; o Consello da Cultura Galega no seu Álbum de Mulleres
trata de divulgar e investigar as contribucións das mulleres á sociedade
e cultura galegas, incluíndo un da propia autora; e por
último, a Biblioteca da USC, como tódolos anos dende 2013, dedica un blog a cada figura homenaxeada neste día.
No hay comentarios:
Publicar un comentario