viernes, 29 de junio de 2018

JCR 2018


Esta semana publicouse a versión 2018 do Journal Citation Reports (JCR), que ofrece datos dos factores de impacto de 2017. Con motivo desta actualización, dedicamos o post desta semana a falar sobre este indicador de calidade das revistas científicas.
Aínda que o Factor de Impacto é o principal indicador que brinda (ofrece unha maneira de avaliar ou comparar a importancia dunha revista en relación con outras do mesmo campo), tamén se recollen outros indicadores como o SNIP ou Eigenfactor. 

Como se pode ver nesta imaxe, inclúense un total de 11.655 revistas. Ademais, cabe salientar que son 80 os países representados e que se inclúen 234 disciplinas (177 de ciencias e 57 de ciencias sociais).
Da totalidade de revistas, 276 son novos títulos que reciben o seu primeiro factor de impacto. Destacamos que catro delas son españolas: Clínica y salud, Revista de psicología del trabajo y de las organizaciones, Intervención psicosocial e Revista de contabilidad.
Tamén está dispoñible a listaxe completa dos títulos incluídos no JCR deste ano.

A novidade máis importante radica en que JCR ten en conta agora as citas recibidas dende o Book Citation Index, o que pode explicar a subida do factor de impacto de bastantes revistas en determinadas disciplinas. Así, esta adición inflará as puntuacións do factor de impacto do ano pasado en aproximadamente 1%, en promedio, para os títulos de ciencia e enxeñaría, e 2% para as revistas de ciencias sociais.
Ofrécese a posibilidade de buscas por título da revista ou por categorías, ademais de poder filtrar polos cuartiles, rango mínimo ou máximo de factor de impacto, revistas en acceso aberto, país, etc.

Para consultar o JCR dende a web da biblioteca debemos seguir os seguintes pasos:
Acceder á base de datos Web of Science (https://bit.ly/2Iwhka5) e no menú superior seleccionar “Journal Citation Reports”. A partir de ahí teremos a opción de iniciar sesión no noso espazo persoal, identificándonos co noso usuario e contrasinal, ou ben seleccionar en Institutional (Shibboleth) Users Sign In, Federation of Spain by FECYT.

miércoles, 20 de junio de 2018

Lecturas de verán 2018


Como todos estes últimos anos nestas datas, dende o noso blog queremos impulsar unha das misións da UDC (a formación dunha cidadanía aberta, culta, crítica, comprometida, democrática e solidaria, capaz de analizar a realidade, diagnosticar problemas, formular e implantar solucións baseadas no coñecemento e orientadas ao ben común), promocionando a lectura e recomendándovos algunhas ideas para este verán.

Atoparedes diversas suxestións nos suplementos culturais dos periódicos, como este publicado a finais do mes pasado en Fugas, suplemento de La Voz de Galicia: Diez libros para el verano. Neste mesmo suplemento dedicaron un artigo á literatura galega ou traducida ao galego para este verán: Dez libros que axudarán a non esquecer este verán. 
As revistas sobre libros como Qué leer tamén poden darvos algunhas ideas. Na UDC, podedes atopala nas bibliotecas de Filoloxía e Arquitectura Técnica.
Os blogs de literatura son outras das fontes nas que podedes atopar opinións ou artigos sobre literatura. Algúns exemplos son Libros y Literatura (que a principios de ano publicaron un post sobre os 18 libros para leer en 2018, por exemplo), Elemental (blog de novela negra do País para comentar e compartir críticas sobre clásicos e novidades do xénero) ou Quelibroleo, que tamén funciona como rede social.
Por outra banda, algunhas editoriais mostran nas súas webs seleccións dos mellores libros para ler en verán. É o caso de Planeta, que ofrece este servizo a través de varias clasificacións: “O libro do verano”, “Novelas premiadas”, “Os mellores libros para ler este verán”, “Guías, rutas e consellos para viaxeiros” ou “Este verán fortalece a túa vida con estos libros”, entre outras.

Ademais, non podemos esquecernos das seccións BIC (Biblioteca de Interese Cultural) das bibliotecas dos centros da UDC: nelas descubriredes lecturas para todos os gustos, como novelas, ensaios, guías de viaxe, cómics, etc.
Por último, queremos salientar a labor e presenza nos últimos anos de editoriais independentes como Libros del Asteroide, Candaya, Sexto Piso, Impedimenta ou Nórdica, etc. Moitas delas xurdiron nos anos da crise e soprendían pola calidade das súas edicións, recuperando a autores esquecidos polas correntes comerciais. Son editoriais que ademais, atraen lectores con catálogos que apostan por novos escritores e temáticas diferentes.

Outras ligazóns de interese:
- Te recomiendo que leas este libro, artigo do suplemento Babelia no que escritores, artistas e outras figuras da cultura recomendan un libro.

lunes, 11 de junio de 2018

Proxecto FOSTER sobre Ciencia Aberta


Continuamos as publicacións do blog relacionadas co acceso aberto. Nesta ocasión, falámosvos do proxecto europeo FOSTER, que nace para difundir as políticas europeas de acceso aberto así como para dar apoio á formación sobre Open Science en toda Europa realizando actividades de formación presencial e en liña sobre ciencia aberta. Para iso, Foster creou guías de recursos por disciplinas e o portal Foster, que da acceso a numerosos artigos e informes a través da súa taxonomía, a cal relaciona e agrupa as diferentes praxis de ciencia aberta.
A taxonomía de FOSTER funciona como entrada ao seu portal de recursos, os cales se poden localizar a través dunha busca xeral ou baixo as diferentes ramas da taxonomía: acceso aberto, datos abertos, investigación reproducible en aberto, definicións de ciencia aberta, avaliación da ciencia aberta, políticas de ciencia aberta e ferramentas de ciencia aberta.
A través do seu portal tamén ofrece formación a través de diversos cursos, tanto dirixidos directamente aos investigadores como prestando especial atención a aqueles cuxa función sexa a de formación de formadores. Ademais, FOSTER tamén organiza eventos nos que se expoñen casos prácticos de como abordar a práctica dunha investigación aberta.

Actualmente, o proxecto atópase nunha segunda fase (FOSTER Plus) na que o seu obxectivo xeral é contribuir a un cambio no comportamento dos investigadores europeos hacia a Open Science, non só no marco de Horizonte 2020, senón para que a investigación aberta sexa unha práctica habitual no día a día dos investigadores.
Entre os seus obxectivos específicos destaca consolidar e manter unha rede de apoio á formación composta por embaixadores de Open Science provenientes de diferentes institucións dedicadas á investigación.

Recentemente saíu á luz un manual como material de referencia para a súa utilización en cursos de formación, concebido como un documento dixital vivo, non rematado, ao que se irán engadindo recursos en función dos temas de interese que xurdan ao longo do tempo.
Por último, sinalar que o Servizo de Biblioteca da UDC ten previsto colaborar co proxecto traducindo o material de formación que ofrece o portal co obxectivo de preparar cursos de formación para o PDI da nosa universidade.

viernes, 1 de junio de 2018

Acceso aberto: recursos na web da Biblioteca da UDC



O acceso aberto ou Open Access é un movemento que implica a dispoñibilidade libre e gratuíta dos contidos científicos e académicos en Internet, de forma que os usuarios poden consultalos gratis, descargalos, imprimilos ou distribuílos. Aínda que se adoita relacionar coa produción de artigos de revistas, tamén fai referencia a outros tipos de documentos como imaxes, documentos audiovisuais, materiais de aprendizaxe, etc.

Na web da biblioteca ofrecemos un apartado dedicado a este movemento, onde podedes atopar todo tipo de recursos destas características. Éste comeza cun esquema baseado na taxonomía FOSTER (a cal relaciona e agrupa as diferentes praxis de Ciencia Aberta), e cunha introdución na que se explica tanto o concepto como as formas de publicar en acceso aberto.
A continuación ofrécese unha listaxe de diferentes tipos de documentos (portais de revistas, libros académicos, repositorios, material multimedia…) que conteñen ligazóns a recursos que vos poden resultar de interese como apoio á aprendizaxe ou investigación. Centrarémosnos en mostrarvos os máis destacados, aínda que podedes consultar a lista completa na seguinte ligazón

Os portais de libros e revistas en acceso aberto son quizais os recursos máis estendidos e seguen crecendo na actualidade. Respecto aos libros, son moitas as plataformas que conteñen ebooks de acceso aberto dispoñibles gratuitamente para calquera persoa que os desexe utilizar. Cabe salientar que ás veces as editoriais científicas teñen un apartado con libros electrónicos gratuítos, como Libros CSIC, edición electrónica da Editorial CSIC ou SpringerOpen books, da editorial Springer. Tamén existen iniciativas de editoriais universitarias, como por exemplo a Deusto Open Books. En canto ás revistas, cada vez son máis as revistas en acceso aberto que se atopan nos principais índices de calidade; na web incluímos unha selección de portais e editores que ofrecen os contidos sen necesidade de compra ou subscrición.

Outro dos medios a través dos que se materializa o acceso aberto son os repositorios, entendidos como arquivos onde se almacenan recursos dixitais. Na web incluímos tanto directorios de repositorios para poder localizalos, como repositorios temáticos ou institucionais, entre eles o RUC, Repositorio Institucional da Universidade da Coruña, que ofrece acceso aberto ao texto completo de  documentos creados polos membros da UDC no seu labor de investigación e docencia.
Tamén destacamos os datos de investigación (materiais xerados ou recollidos durante o transcurso da realización dunha investigación), xa que tódolos proxectos financiados con H2020 iniciados en 2017 deberán garantir o acceso aberto a estos datos.
Os recursos educativos abertos son outros dos materiais incluídos na web, centrándonos fundamentalmente nas plataformas de cursos MOOC (cursos online masivos e abertos). Así mesmo, atoparedes material multimedia, con diversas páxinas de imaxes e fotografías libres de dereitos, así como plataformas de vídeos.
Finalmente, sinalar que tamén se inclúe outro tipo de información relacionada co acceso aberto como é a revisión e financiación en aberto, ciencia aberta ou cultura aberta, entre outros.