lunes, 11 de junio de 2018

Proxecto FOSTER sobre Ciencia Aberta


Continuamos as publicacións do blog relacionadas co acceso aberto. Nesta ocasión, falámosvos do proxecto europeo FOSTER, que nace para difundir as políticas europeas de acceso aberto así como para dar apoio á formación sobre Open Science en toda Europa realizando actividades de formación presencial e en liña sobre ciencia aberta. Para iso, Foster creou guías de recursos por disciplinas e o portal Foster, que da acceso a numerosos artigos e informes a través da súa taxonomía, a cal relaciona e agrupa as diferentes praxis de ciencia aberta.
A taxonomía de FOSTER funciona como entrada ao seu portal de recursos, os cales se poden localizar a través dunha busca xeral ou baixo as diferentes ramas da taxonomía: acceso aberto, datos abertos, investigación reproducible en aberto, definicións de ciencia aberta, avaliación da ciencia aberta, políticas de ciencia aberta e ferramentas de ciencia aberta.
A través do seu portal tamén ofrece formación a través de diversos cursos, tanto dirixidos directamente aos investigadores como prestando especial atención a aqueles cuxa función sexa a de formación de formadores. Ademais, FOSTER tamén organiza eventos nos que se expoñen casos prácticos de como abordar a práctica dunha investigación aberta.

Actualmente, o proxecto atópase nunha segunda fase (FOSTER Plus) na que o seu obxectivo xeral é contribuir a un cambio no comportamento dos investigadores europeos hacia a Open Science, non só no marco de Horizonte 2020, senón para que a investigación aberta sexa unha práctica habitual no día a día dos investigadores.
Entre os seus obxectivos específicos destaca consolidar e manter unha rede de apoio á formación composta por embaixadores de Open Science provenientes de diferentes institucións dedicadas á investigación.

Recentemente saíu á luz un manual como material de referencia para a súa utilización en cursos de formación, concebido como un documento dixital vivo, non rematado, ao que se irán engadindo recursos en función dos temas de interese que xurdan ao longo do tempo.
Por último, sinalar que o Servizo de Biblioteca da UDC ten previsto colaborar co proxecto traducindo o material de formación que ofrece o portal co obxectivo de preparar cursos de formación para o PDI da nosa universidade.

No hay comentarios: