viernes, 6 de julio de 2018

O libro electrónico na actualidade


Dende hai algo máis de 10 anos, os libros electrónicos irromperon no mercado con disposición de permanencia. Como toda nova tecnoloxía, o seu percorrido nestes últimos anos estivo marcado por diversas contradicións no seu proceso de implantación.
Aínda que o libro en papel segue tendo adeptos incondicionais, o libro electrónico vaise facendo cada vez un oco máis grande entre os lectores. E aínda que non supuxo a predición que se fixo hai uns anos de desprazamento dun por outro, garantiuse a súa converxencia.

Na actualidade, as cifras do mercado de libros dixitais resultan dispares segundo a fonte consultada, xa que por unha banda teríamos estudos que confirmarían o estancamento do libro electrónico, mentres que outros alimentarían a idea do crecemento. Algúns destes informes serían Evolución del mercado digital (ebooks y audiolibros) en España y América Latina, elaborado por BookWire en colaboración con Dosdoce ou Panorámica de la Edición Española de Libros, publicación do Observatorio de la Lectura y el Libro. Neste último reflíctese que en España, a produción de títulos dixitais aproxímase aos 25000 anuais, o que constitúe casi un 30% do total da produción. Tamén se indica que un cuarto das editoriais está producindo edición dixital. 
Dende o punto de vista da demanda (consumo e lectura dixital), ésta foi en aumento nos últimos anos. Así se amosa no Informe Hábitos de Lectura y Compra de Libros, que indica que os lectores en soporte dixital incrementáronse do 47,8% ao 76,3% do 2010 ao 2017.

No ámbito das bibliotecas universitarias é interesante un estudo publicado por Library Journal sobre a experiencia de lectura de libros electrónicos entre os estudantes. Aínda que os datos extraídos non se refiren a España, senón que foron de bibliotecas universitarias estadounidenses, os resultados son significativos, xa que se observa que os contidos dixitais adquiren relevancia na investigación, mentres que cando se trata de lectura por pracer éstes aparecen máis distanciados. 

Para finalizar, e xa mirando de cara aos vindeiros anos, as previsións indican que a evolución do mercado de libros electrónicos será positiva. Así se reflicte no estudo E-books market in Europe 2018-2022, no que se pronostica que dito mercado crecerá a unha tasa anual do 4,58% durante os próximos 5 anos.
Podedes atopar máis información neste recente artigo de José-Antonio Cordón-García publicado en El profesional de la información: “Combates por el libro: dialéctica del modelo digital”.  
                         

No hay comentarios: