viernes, 28 de septiembre de 2018

O plaxio no ámbito académico



Neste novo post tratamos un tema de actualidade nas últimas semanas: o plaxio no ámbito académico. Partimos da definición que proporciona o Diccionario da RAE sobre o acto de plaxiar: “copiar en lo sustancial obras ajenas, dándolas como propias”. Por tanto, sempre que non se mencione ao autor e á obra de onde procede a información orixinal, mediante unha cita bibliográfica, se está a cometer plaxio.
Para evitar o plaxio é imprescindible recoñecer a autoría das ideas que se utilizan, así como citar correctamente, debendo crear unha bibliografía na que se recollan as referencias de tódalas obras consultadas para a elaboración do traballo. Para unha primeira primera aproximación ao tema recomendamos o titorial "El plagio y la honestidad académica", elaborado pola Biblioteca da Universidade de Sidney e adaptado e traducido ao castelán por unha comisión mixta intersectorial CRUE-TIC e REBIUN.
A normativa da UDC recolle no texto consolidado das Normas de avaliación, revisión e reclamación das cualificacións dos Estudos de Grao e Mestrado Universitario, que “Na realización de traballos, o plaxio e a utilización de material non orixinal, incluído aquel obtido a través da internet, sen indicación expresa da súa procedencia e, se é o caso, o permiso do seu autor/a, poderá ser considerada causa de cualificación de suspenso na actividade. Todo iso sen prexuízo das responsabilidades disciplinarias ás que puidese haber lugar tras o correspondente procedemento”.

Nos últimos anos, as universidades comezaron a protexerse contra o plaxio mediante a utilización de programas informáticos que o detectan. A UDC, ao igual co resto de universidades galegas, utiliza o software de pago Turnitin, programa antiplaxio que está destinado a docentes responsables de traballos académicos (teses doutorais, TFG e TFM). A través deste software se pode comparar o contido dun traballo cunha única base de datos que inclúe Internet, traballos académicos ou artigos científicos indexados, e así identificar similitudes con outras fontes de información.
Ademais, os traballos que se van pasando por Turnitin nas universidades galegas van creando unha base de datos autonómica para que así se poida evitar que os estudantes copien de traballos que se presentaron en anos anteriores, como así explicaba o profesor da USC Raúl Canay nunha noticia no xornal La Voz de Galicia.

Para rematar, se queredes profundizar máis no tema, na web da biblioteca incluímos unha páxina específica sobre a ética científica e plaxios, recomendando unha serie de titoriais ou guías nas que se aborda dita cuestión. Tamén ofrecemos unha selección de recursos para detectar plaxios, tanto gratuítos (ArticleChecker, Viper…) como de pago (Turnitin). Outros recursos como Plagium combinan ambas características, xa que o uso do servizo de busca rápida é gratuíto e permite ata 5000 caracteres, e textos máis extensos requiren pago. Nesta ligazón podedes acceder a dita páxina.

No hay comentarios: