Neste novo post falaremos da normativa que rodea ás
diferentes tipoloxías de traballos académicos e de investigación da UDC, ben
sexan traballos fin de grao (TFG), traballos fin de mestrado (TFM) ou teses.
Comezaremos facendo unha distinción entre eles: os TFG
e TFM teñen en común que son traballos realizados na fase final do plan de
estudos e ambos teñen o seguemento dun
titor. A principal diferenza está no seu grao de especialización, xa que o TFM
é máis específico e profundiza nun campo concreto dunha disciplina. A diferenza
das teses, non requiren unha labor de investigación. Pola súa parte, as teses
son documentos no que se expoñen os resultados científicos alcanzados polo autor
no seu traballo de investigación e requiren un tempo de dedicación considerable.
No que respecta ás teses, todas as teses da UDC lidas a
partir de febreiro de 2012, seguindo a
normativa legal, se arquivan e difunden no Repositorio Institucional da UDC (RUC). Nesta data entrou en vigor o
Real Decreto 99/2011, que no seu artigo 14.5 indica que
“una vez aprobada la tesis doctoral, la
universidad se ocupará de su archivo en formato electrónico abierto en un
repositorio institucional”. Exceptúanse desta obrigatoriedade aquelas
suxeitas a cláusulas de confidencialidade ou xeración de patentes.
No RUC tamén
se recollen as teses anteriores a esta data lidas na UDC e que contan coa
autorización dos autores para o acceso ao texto completo. Cabe sinalar que calquera
doutor da UDC pode solicitar a inclusión da súa tese no RUC se aínda non figura
nel. O único requisito é asinar unha autorización que se lle facilitará no
Servizo de Biblioteca.
Polo tanto,
na actualidade todas as teses de doutoramento da UDC, logo de ser aprobadas,
son depositadas na Biblioteca Universitaria, tanto na súa versión en papel como
na súa versión electrónica. A versión electrónica publícase no RUC e está por
tanto en acceso aberto en Internet.
Actualmente
o RUC conta con 1449 teses, das cales 173 corresponden ao ano 2017. Éstas poden
consultarse no apartado de “Investigación” do RUC.
En canto á
normativa da UDC para a presentación da teses, temos o documento “Recomendacións
UDC para a presentación da tese de doutoramento”, que ten por obxecto
indicar os requisitos mínimos de estilo e presentación que debe ter unha tese
de doutoramento da UDC. Inclúe tamén normas de presentación da tese en formato
electrónico para a súa publicación posterior no RUC.
A biblioteca
tamén incorpora os datos das teses de doutoramento no seu catálogo, na base de datos Dialnet ou en Teseo, aínda que neste último caso
trátase dunha base de datos que recolle información referencial (non a texto
completo) sobre teses lidas en universidades españolas dende 1976.
No que
respecta aos TFG e TFM, atópanse no RUC no apartado “Traballos académicos” e están organizados por titulacións.
Inclúense aqueles que foron seleccionados para tal efecto polas comisións
académicas correspondentes de cada titulación (normalmente os que superan unha
determinada nota). Actualmente o RUC conta con 2619 TFG e 535 TFM. Do último
ano (2017) constan 542 e 86 respectivamente.
A UDC conta tamén
cunha normativa para a presentación destes traballos en versión dixital, que se
pode consultar nas seguintes ligazóns:
Ademais,
cada escola ou facultade ten aprobados regulamentos propios para a elaboración
deste tipo de traballos, que podedes consultar nas súas respectivas páxinas
web.
No hay comentarios:
Publicar un comentario