Hoxe comeza un novo curso
académico na universidade, polo que neste post faremos unha breve presentación
do Servizo de Biblioteca da UDC, principalmente dirixido aos que vos
incorporades este ano por primeira vez á universidade. Dito servizo está
formado por uns servizos
centrais e 16 bibliotecas das distintas escolas e facultades, repartidas
nos diferentes campus da universidade. Como membros da comunidade universitaria
da UDC tedes acceso a tódalas bibliotecas en igualdade de condicións, e por
conseguinte, a tódolos fondos bibliográficos da UDC. O horario xeral de
atención ao público é de 08.30 a 21.30, de luns a venres, que pode verse
reducido en periodos de vacacións. Tamén é importante citar a presenza de
diversas grandes aulas de estudo
nos campus de Riazor, Elviña e Esteiro con horarios máis amplos.
Se queredes coñecer todo o que a
biblioteca vos pode ofrecer, dende a nosa páxina web tedes acceso a unha gran
cantidade de información e servizos. Ademais da web xeral da Biblioteca
Universitaria, case tódalas bibliotecas dos centros teñen páxina web
creada polo seu persoal, na que se difunden os servizos, recursos de
información, etc. aos que pode acceder a comunidade universitaria.
Unha das ferramentas fundamentais
que ten a páxina web é o acceso ao catálogo, a través do
que se pode localizar calquera documento dos que integran a colección da biblioteca,
a cal está composta por libros e revistas en papel, DVD, mapas, libros
e revistas
electrónicas ou bases
de datos, entre outros. A través do catálogo tamén se pode acceder á
bibliografía recomendada polos profesores. Ademais, queremos salientar a opción
de O meu rexistro,
moi interesante para os usuarios, xa que permite consultar qué documentos se
teñen en préstamo, renovalos, reservar documentos que estean prestados nese
momento, consultar o historial de préstamo, etc. Na guía
de uso do catálogo atoparedes información máis detallada.
En canto aos servizos, un dos
máis comúns é o préstamo.
O número de obras que poden ser solicitadas en préstamo e a duración deste
variará en función da tipoloxía de usuario á que se pertenza (estudantado de
grao, de másteres…). Dentro do préstamo é importante que coñezades o préstamo
interbibliotecario, que ofrécevos a posibilidade de solicitar a outras
bibliotecas aqueles documentos (orixinais ou copias) que non forman parte das
coleccións das bibliotecas da nosa universidade, así como o préstamo
intercentros, que posibilita que os usuarios, a través da súa biblioteca, poidan
solicitar en préstamo os fondos doutras bibliotecas da UDC sen necesidade de se
desprazar.
Para coñecer os recursos que a
biblioteca pon á vosa disposición, así como para axudarvos na elaboración de
traballos, as bibliotecas dos diferentes centros organizan cursos de formación
que se imparten ao longo do curso académico e que teñen como obxectivo
conseguir que os usuarios coñezan e saiban utilizar ditos recursos.
Rematamos citando que as redes
sociais constitúen na actualidade unha ferramenta de comunicación fundamental,
de forma que a maioría das bibliotecas da UDC están presentes nelas. Podedes
consultar unha listaxe de tódalas bibliotecas coas súas respectivas redes
sociais na seguinte ligazón.
Fundamentalmente, o obxectivo das bibliotecas nestas redes é dar a coñecer os
servizos e recursos que éstas poñen a disposición da comunidade universitaria,
ademais de transmitir o máis relevante que suceda (novas, cursos…) relacionado
coa nosa universidade ou con entornos que resulten de interese.
No hay comentarios:
Publicar un comentario