viernes, 31 de agosto de 2018

As bibliotecas das universidades galegas


No post da semana pasada analizabamos a oferta académica das tres universidades galegas con motivo da inauguración a vindeira semana do curso académico 2018/2019. Neste novo post centrarémonos nas súas bibliotecas, cuxo fin é poñer a disposición dos usuarios recursos de información para dar soporte ao estudo, á docencia e á investigación.

As tres bibliotecas contan con coleccións e servizos presenciais e en liña. Para consultar os seus fondos podemos acceder aos seus respectivos catálogos: o da UDC, USC e UVigo.
Tamén queremos citar os repositorios institucionais das tres universidades, que ofrecen acceso aberto ao texto completo de documentos creados polos seus membros no seu labor de investigación e docencia: o RUC na UDC, Minerva na USC e Investigo na UVigo.
Na Biblioteca da USC destacan tanto o seu fondo dedicado a Galicia como a súa colección histórica. Conta ademais cunha serie de coleccións dixitais, resultado de diversos proxectos de dixitalización. Os recursos electrónicos contratados por esta biblioteca agrúpanse en reBUSCa.  No caso da Biblioteca da UVigo, a súa biblioteca dixital encóntrase no apartado de Recursos-e.
Sobre a Biblioteca da UDC falaremos máis amplamente nun próximo post, polo que simplemente sinalaremos que ofrece unha extensa colección de libros e revistas en papel, libros e revistas electrónicas, documentos noutros formatos (mapas, DVD…), bases de datos, etc., repartidos entre a páxina web da biblioteca e os 17 puntos de servizo.

Tamén é importante facer referencia ó Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia, que ten como obxectivo fundamental o apoio continuo aos servizos bibliotecarios das tres universidades galegas a través da cooperación interbibliotecaria. Isto é posible en parte grazas ós servizos que proporciona aos usuarios a través do seu portal Bugalicia.
Por último, queremos dar conta da recente creación do Consorcio Interuniversitario del Sistema Universitario de Galicia (CISUG), que supón un paso importante cara a unha maior coordinación da educación superior na nosa comunidade autónoma. Estará integrado por organismos que xestionan asuntos de relevancia para o Sistema Universitario de Galicia, como son o propio Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia, o Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións de Xestión Universitaria (CIXUG) ou a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG). O edificio do consorcio estará situado no Gaiás e levará o nome de Domingo Fontán, en homenaxe ao autor do primeiro mapa de Galicia. Ademais de funcionar como sede do novo consorcio, o edificio Fontán tamén o será da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, e albergará tamén o Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais.

No hay comentarios: