viernes, 24 de agosto de 2018

A oferta académica do Sistema Universitario Galego no curso 2018/2019


Coa inauguración nas vindeiras semanas do curso académico 2018/2019 do Sistema Universitario Galego, dedicamos este post a facer un pequeno percorrido pola oferta académica (graos, mestrados e doutoramentos) das tres universidades galegas.
En concreto, o acto de apertura deste novo curso académico nas universidades de Galicia terá lugar o día 7 de setembro ás 12:00 no Paraninfo da Universidade da Coruña.

No que respecta exclusivamente aos graos, excluíndo mestrados e doutoramentos, a Comisión Interuniversitaria de Galicia resume neste tríptico a oferta de prazas das tres universidades galegas. 
A USC oferta os seguintes graos, mestrados e programas de doutoramento nos seus campus de Santiago e Lugo, ofrecendo como principais novidades os graos en Biotecnoloxía, Criminoloxía e Paisaxe, este último compartido coa UDC, converténdose na primera titulación interuniversitaria de Galicia. Tamén incorpora 10 novos másteres. 
Pola súa parte, a Universidade de Vigo, incorpora este ano un novo grao en Enxeñaría Biomédica, 7 másteres e a conversión de dous programas de doutoramento existentes en interuniversitarios. Tódala súa oferta académica pódese consultar nesta ligazón

Na UDC entra en funcionamento este curso o grao en Xestión Industrial da Moda, título bilingüe e único en Galicia cuxa demanda foi todo un éxito, xa que se cubriron tódalas prazas ofertadas neste primeiro ano de andadura. Outra novidade é o grao en Paisaxe citado anteriormente, impartido de manera conxunta pola UDC e a USC.
No que respecta aos másteres, na UDC estréanse 7, entre os que destaca o de Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, primeiro máster oficial de Galicia neste ámbito.
Tódolos planos de estudos dos graos, dobres graos, estudos internacionais, docencia en inglés, másteres e programas de doutoramento, estudos propios…atópanse nesta páxina da UDC.

Rematamos este post informando da implantación de novos títulos a partir do vindeiro curso 2019-2020. Segundo o novo mapa de titulacións do Sistema Universitario de Galicia, o exercicio 2019-2020 será aquel en que máis novas unidades implementaranse, xa que se crearán ata 8 graos: Deseño e Creación, na Universidade de Vigo; Enxeñería Eléctrica, Creación Dixital e Animación, Xestión da Información e da Documentación Dixital e Ciencia e Enxeñería de Datos, na UDC; e Xestión do Patrimonio e Industrias Culturais, Emprendemento e Robótica Agroforestal na USC. 

No hay comentarios: