viernes, 17 de agosto de 2018

Viñetas desde o Atlántico


O festival de banda deseñada chegou este ano á súa vixésima edición. Nunha cidade invadida por superheroes e outras moitas personaxes coñecidas, celebráronse exposicións, conferencias e unha rúa de banda deseñada cunha representación das editoriais e librerías do sector.  Todas estas canles axudaron a facer a banda deseñada máis accesible a todos os públicos, ao seu descubrimento e posta en valor e a satisfacer tamén as expectatvas do público máis especializado.
Co paso do tempo, este festival ten xa un lugar no calendario internacional deste tipo de actos e é visita indispensable para todo aquel con intereses neste ámbito, tal e como manifestou Miguelanxo Prado, director de Viñetas desde o seu comezo. Nas súas declaracións, subliñou como aos poucos a presenza da muller vai en aumento, ainque de polo de agora non chegou ao 50%.
O festival deste ano estivo marcado pola presenza de autores e autoras que viñeron a el hai 20, cando comezaban a súa carreira como é o caso de Emma Ríos, David Rubín, Josep Homs e José Luis Munuera. Outros nomes moi destacados foron Mamen Moreu, Cristina Durán e o veterano José Ramón Sánchez, Premio Nacional de Ilustración 2014. Nas bibliotecas da Coruña temos comictecas que poñen ao noso alcance títulos de todos eles.
Como todos os anos anteriores, o cartel do festival articúlase en torno á Torre de Hércules. Este ano debuxouno José Luis Munuera, un dos invitados ao festival.
Aínda que rematou o pasado domingo 12,  até o vindeiro 9 de setembro pódense visitar todas as exposicións do festival en horario de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00:

  •  No Kiosco Alfonso, exposicións de Ángel de la Calle, Josep Homs, Belén Ortega, Emma Ríos e David Rubín.
  • Na Sala Municipal de Exposicións Palexco, exposicións de Tirso Cons, Cristina Durán, Mamen Moreau, José Luis Munuera e Xosé Tomás.
  •  Na sala de exposicións do palacio municipal, exposición de José Ramón Sánchez.
  •  Na Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga, exposicións de Bea Lema Rivera e SQUEEZE-OH!: Cómic contemporáneo galego.
  • Na Torre de Hércules están expostos os carteis de todas as ediciós de Viñetas desde o Atlántico.

En paralelo, están abertas estas outras exposicións arredor do mundo do cómic na cidade:

  • Na Fundación de ABanca, “Superpoderes de David Aja David Rubín”, até o 29 de setembro.
  • No Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa, “Historietas del tebeo 1917-1977”, até o 14 de outubro.
  • En Monty4 Galería de Arte, “Comix revolution”, até o 8 de setembro.

O festival conta este ano tamén con páxina en Facebook, twitter e Instagram.

No hay comentarios: