lunes, 22 de octubre de 2018

Semana Internacional do Acceso Aberto 2018


Esta semana celébrase a Semana Internacional do Acceso Aberto (Open Access Week), como así ven sendo habitual nesta última década. O lema deste ano é “Diseñando bases equitativas para el conocimiento abierto”, e como sinala Nick Shockey, este lema dá conta dun sistema académico que se atopa en transición. A pesar de que os gobernos, financiadores, universidades…están a adoptar políticas e prácticas abertas, éstas aínda se implementan de maneira difusa. Mentres a apertura é adoptada por defecto, todos os implicados deben ter o propósito de deseñar estes novos sistemas abertos, para asegurar que son inclusivos, equitativos, e que realmente están ao servizo das necesidades dunha comunidade global diversa. 

A Rede de Bibliotecas Universitarias Españolas (REBIUN), que cada ano promove a Semana Internacional de Acceso Abierto en España a través do seu Grupo de Traballo de Repositorios, difunde dende o portal http://www.accesoabierto.info/ a Open Access Week a través de noticias, iniciativas ou recursos sobre o acceso aberto. Nesa páxina podedes consultar unhas interesantes infografías sobre o acceso aberto de REBIUN, que abarcan temas como as vantaxes dos repositorios para a difusión e a visibilidade da investigación, como cumprir cos mandatos sobre xestión e publicación de datos en Horizonte 2020, pasos para elaborar un plan de xestión de datos, etc.
Ademais desta web nacional, tamén destacamos o portal internacional Open Access Week, creado pola SPARC, que entre outros moitos recursos inclúe un buscador dos eventos que teñen lugar en todo o mundo nesta semana.

Son moitas as bibliotecas universitarias españolas que participan nesta semana con diversas actividades, dende conferencias, cursos, etc. Crue-REBIUN anímannos a participar no xogo en liña #siguelapistadelOA, coordinado polas Bibliotecas da Universidade de León e da Universidade de Santiago de Compostela. Entre os días 23 e 26, a través das redes sociais de Twitter (@rebiun) e Facebook (https://www.facebook.com/rebiun/), expoñerán preguntas, darán pistas e animarán, dunha forma lúdica, ao uso, coñecemento e difusión dos recursos en aberto das universidades españolas. Unha vez terminada a actividade, as persoas participantes poderán enviar a resolución completa do xogo ao correo electrónico minerva@usc.es, indicando nome, dirección postal (para recibir un pequeno obsequio) e universidade.

Para rematar, lembrámosvos que na UDC contamos co RUC, repositorio institucional que ofrece acceso aberto ao texto completo de documentos creados polos membros da UDC no seu labor de investigación e docencia. Na páxina web da biblioteca tamén ofrecemos información sobre o acceso aberto, así como un amplo apartado de diversos recursos relacionados con este movemento: repositorios de documentos, revistas e libros en acceso aberto, datos abertos, etc. Ademais incluímos unha completa INFOguía con información sobre os dereitos de autor no acceso aberto, datos de investigación ou descontos para os autores da UDC nas tarifas de publicación de artigos en aberto, etc.

No hay comentarios: