Clarivate Analytics publicou a
finais do ano pasado a súa listaxe anual dos investigadores máis citados (Highly Cited Researchers) baseándose na
Web of Science. Trátase dunha lista que selecciona aos científicos máis influentes
de todo o mundo tendo en conta a súa produción de artigos altamente citados que
se atopan no 1% superior en número de citas por campo e ano na Web of Science
Core Collection. Para o pasado ano 2018 tívose en conta o período comprendido
entre 2006-2016.
Ademais, cabe sinalar que esta
clasificación é unha compoñente clave de outras listaxes do mundo
universitario, como o ranking de Shangai.
Como novidade nesta última edición,
incluíuse unha nova categoría para recoñecer a aqueles científicos cunha
importante influencia en varios campos pero que non teñen un número de artigos
citados suficientemente alto nun só campo para ser elixidos. Segundo palabras
de David
A. Pendlebury, analista de citas de Clarivate, identificáronse algo máis de
2.000 investigadores cun rendemento excepcional debido aos seus artigos de alto
impacto en varios campos.
A listaxe completa pódese
consultar neste documento
de Excel, do que extraemos unha serie de datos:
- Nela aparecen máis de 4000 expertos altamente citados en 21 campos de estudo das ciencias e as ciencias sociais, así como os aproximadamente 2000 que comentabamos antes cunha importante influencia en varios campos.
- España conta con 119 investigadores, 61 máis que o ano 2017 no que constaban 58.
- O Sistema Universitario de Galicia ten 3 representantes, 2 da Universidade de Vigo e 1 da Universidade de Santiago de Compostela.
- O CSIC é a institución española con máis representantes, con 22.
- No que respecta ás universidades, a Universidad de Barcelona é a universidade española con máis investigadores altamente cualificados, 13.
Outros datos de interese son que EE.UU,
con 2.639 autores, é o país co maior número de autores na lista, seguido de
Reino Unido con 546. Respecto ás institucións, a Universidad de Harvard segue encabezando
a lista. Ademais, entre todos os expertos hai 17 gañadores do Premio Nobel,
incluidos dous anunciados o pasado ano: James P. Allison (Nobel de Fisioloxía
ou Medicina), e William D. Nordhaus (Nobel de Ciencias Económicas).
No hay comentarios:
Publicar un comentario