jueves, 16 de mayo de 2019

Antón Fraguas, Letras Galegas 2019

Imaxe: Consello da Cultura Galega


Este ano o Día das Letras Galegas dedícase ao historiador e xeógrafo Antón Fraguas (1905-1999). Dedicou a vida ao estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con especial atención á antropoloxía. Ademais, cos seus traballos contribuíu a defender o galego como lingua de expresión para calquera coñecemento, segundo expresa a Real Academia Galega.
Facendo un pequeno repaso pola súa biografía, podemos dicir que entrou en contacto co galeguismo dende moi novo, cando estudou Bacharelato, onde comezou a ter interese pola cultura galega grazas a docentes como Antón Losada Diéguez ou Castelao. De feito, foi un dos fundadores da Sociedade de Lingua, xurdida co obxectivo de defender o galego. 

Posteriormente, na etapa universitaria en Santiago ingresou en 1924 nas Irmandades da Fala e colaborou co Seminario de Estudos Galegos, no que inaugurou, baixo a dirección de Otero Pedrayo, os estudos de xeografía histórica. Nesta época de mocidade publicou con asiduidade en Nós e A Nosa Terra. Comezaba así unha ampla obra con máis de 300 libros e artigos de revistas e xornais nos que Galicia era o seu motivo esencial. Ademais, deixou biografías de personaxes ilustres como Manuel Murguía ou Castelao.
Dedicouse á ensinanza, compaxinando o ensino medio en institutos co universitario na Universidade de Santiago de Compostela e estivo en contacto con distintas institucións como o Instituto Padre Sarmiento ou a Real Academia Galega, na que ingresou en 1956. En 1976 participou na creación do Museo do Pobo Galego, do que foi director e presidente.

Entre as numerosas actividades conmemorativas organizadas para este día destacan as seguintes:

  • Celebración do acto central do día das Letras Galegas na terra natal do homenaxeado, Cotobade, ao pé da escola onde estudiou. Falarán Clodio González Pérez, Fina Casalderrey e Francisco Díaz-Fierros Viqueira.
  •  Exposición central conmemorativa itinerante Antonio Fraguas, Memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma, que percorrerá concellos das catro provincias para dar a coñecer ao público a obra e a figura de Fraguas. Chegará a Coruña a segunda quincena de xuño
  •  Na Coruña, realizarase unha lectura pública dende o balcón do Concello na que se lerán parte das obras de Fraguas.

Outras ligazóns de interese:


Xa para finalizar, se vos interesa coñecer a súa obra, podedes consultar nesta ligazón do noso catálogo tódolos documentos que temos de Antón Fraguas na Biblioteca da UDC.

No hay comentarios: