A semana pasada anunciouse un convenio entre a Biblioteca Nacional de España (BNE) e a
Unión de Editoriales Universitarias Españolas
(UNE) para garantir o ingreso por depósito legal das publicacións electrónicas
editadas polos membros asociados a UNE. Nesta publicación daremos conta desta
nova e aproveitaremos para falarvos desta asociación que integra ás editoriais
e servizos de publicacións das universidades españolas e centros de
investigación, entre os que se atopa o Servizo de Publicacións da
Universidade da Coruña.
Entre as principais actividades que realiza a UNE destaca a
xestión da venda de publicacións a través de Unebook, que é o portal de venda
online dos libros universitarios españois en calquera dos seus formatos (papel,
dixital e impresión baixo demanda). A plataforma abrangue o conxunto de obras
que publican as editoriais universitarias: libros científicos, de divulgación,
traducións, edicións críticas, obras de referencia…, entre outros. Se queredes
ampliar a información sobre este portal, a revista Unelibros dedica
precisamente o seu último
número a Unebook, no que se detalla que na actualidade comercializa 265.000
títulos en papel e 12.000 ebooks de universidades e centros de investigación
españois, de universidades latinoamericanas e editoriais académicas privadas.
Ademais deste portal, tamén queremos salientar que a UNE
convoca, xunto a ANECA e FECYT, o Sello de
Calidad en Edición Académica (CEA-APQ), que ten como obxectivo identificar
as mellores prácticas dentro da edición universitaria española e servir de
recoñecemento para aquelas edicións que
reúnan os requisitos que se consideran garantía de calidade científica e
editorial.
En relación ao convenio BNE-UNE, os 12.000 ebooks que citábamos
pasarán nas vindeiras semanas a formar parte do repositorio institucional da
BNE, creado para aloxar as publicacións ingresadas en virtude do depósito legal
coa finalidade de asegurar a súa preservación a longo prazo. Este proceso
realizarase a través do citado portal Unebook, que se encargará de facilitar
dúas veces ao ano o catálogo dixital.
A UNE ten previsto ofrecer este servizo gratuíto a todos os
editores académicos en español que desexen acollerse á iniciativa, nun
esforzo por difundir, preservar e divulgar a edición académica en español.
No hay comentarios:
Publicar un comentario