viernes, 9 de octubre de 2020

Dialnet métricas


 

Recentemente presentouse unha nova edición de Dialnet Métricas, portal que baseándose na análise das referencias bibliográficas citadas nas publicacións existentes en Dialnet, ofrece un conxunto de indicadores para axudar a identificar a relevancia da produción científica nas áreas de Ciencias Sociais e Humanidades. Aínda que o portal está en versión beta, xa ten os procedementos consolidades e conta con datos relevantes.

Esta edición presenta unha considerable ampliación das disciplinas analizadas respecto á anterior. Actualmente xa se inclúen todas as Ciencias Sociais, empezan a traballar nas Humanidades e anuncian que ao longo do primeiro trimestre de 2021 intentarán incorporar as Ciencias Xurídicas.

Ademais, tamén hai cambios na presentación dos resultados, que pretende simplificar a navegación aos usuarios ao presentar dúas entradas principais: unha para o índice de impacto das revistas (IDR), e outra para os demais indicadores relacionados coas citas que recibe cada publicación. Con respecto ao IDR, é un instrumento que permite saber cal é o impacto científico dunha revista, a súa evolución e a súa posición respecto ao resto das revistas da especialidade. Ao igual que os xa cesados índices INRECx, traballa cun conxunto de revistas seleccionadas por un comité de expertos. Na actualidade, apórtase información correspondente a máis de 1.000 revistas publicadas en España, cifra que aumentará nas sucesivas edicións. Tratan de dar cobertura a todas as revistas científicas españolas de cada disciplina, incluíndo tanto as que publican institucións académicas como as de editoriais comerciais, as que están en acceso aberto e as que son accesibles mediante subscrición, etc.

A principal diferenza entre o IDR e os Indicadores Dialnet é que no primeiro soamente se teñen en conta as citas emitidas por un conxunto de revistas nuns anos, mentres que nos segundos se parte do contido completo da base de datos de Dialnet, atopándose polo tanto indicadores de citas doutros tipos de documentos como libros, capítulos de libro ou teses. Nestes indicadores inclúense diferentes rankings de investigadores e publicacións: investigadores máis citados, investigadores por áreas de coñecemento, investigadores por universidades, publicacións máis citadas e referencias bibliográficas por anos.

Cabe sinalar que este proxecto xa empezou a ser usado por algunhas comisións de avaliación da ANECA.

En definitiva, con Dialnet Métricas preténdese controlar o impacto das publicacións en Ciencias Sociais, Humanidades e Dereito realizadas por investigadores españois. Aínda que hai anos que grazas a bases de datos como Scopus ou Web of Science está controlado o impacto internacional das publicacións, nestas tres áreas a maior parte da repercusión adoita proceder do propio país, polo que se pode dicir que ata agora non había unha ferramenta predominante para o control rigoroso das citas españolas nestes ámbitos do coñecemento.

No hay comentarios: