viernes, 2 de octubre de 2020

A Universidade da Coruña no Ranking THE: Times Higher Education World University Ranking (edición 2021)

Hai unhas semanas publicouse a edición 2021 do THE: Times Higher Education World University Ranking, que publica un ranking das mellores universidades a nivel mundial. O ranking avalía ás universidades utilizando 13 indicadores de rendemento centrados en catro factores: docencia, investigación, transferencia de coñecemento e proxección internacional. Inclúe máis de 1500 universidades de todo o mundo, entre elas 50 españolas.

Ao igual que o ano pasado, a universidade inglesa de Oxford encabeza o ranking mundial. O segundo posto ocúpao a universidade de Stanford e o terceiro a de Harvard.

Respecto á nosa universidade, sitúase na banda 1001+ do total de institucións avaliadas en todo o mundo. A nivel nacional ocupa o posto 37 das 50 universidades estudadas, nas que destacan nos tres primeiros postos universidades de Cataluña: Universidad Pompeu Fabra, Universidad Autónoma de Barcelona e Universidad de Barcelona. En canto ás demais universidades galegas, tanto a Universidade de Santiago de Compostela como a Universidade de Vigo sitúanse na banda 801-1000. O factor no que máis destaca a UDC é a investigación, onde ocupa o posto 852.

A evolución da UDC neste ranking pódese ver con máis detalle nuns gráficos desta páxina, da que é responsable a Unidade de Análise e Xestión de Datos (AXD), que  centraliza e analiza a información para cubrir estatísticas de carácter oficial. Neste sentido, inclúen un amplo apartado dedicado á UDC nos rankings universitarios, no que se presentan informes de diferentes rankings, tanto nacionais como internacionais, con datos sobre a nosa universidade en cada un deles.

Ademais, o Times Higher Education (THE) publica o Young University Ranking, que tamén é un ranking das mellores universidades a nivel mundial, pero menores de 50 anos. Baséase nos mesmos indicadores que o anterior ranking, pero as ponderacións axustáronse para dar menos peso á reputación. A edición deste ano inclúe 414 universidades, fronte ás 351 do ano anterior. Por cuarto ano consecutivo a UDC figura neste ranking de universidades novas, ocupando nesta edición o posto 251-300.


No hay comentarios: