viernes, 25 de septiembre de 2020

O Servizo de biblioteca no novo curso 2020/21


Coma todos os servizos da Universidade da Coruña, o Servizo de biblioteca tivo que adaptar a súa actuación á nova realidade provocada pola pandemia do coronavirus. Isto provocou desde mediados de marzo unha serie de adaptacións dos seus servizos básicos de atención aos/ás usuarios/as, que foron variando e axustándose de acordo ás medidas sanitarias propostas polos gobernos central e autonómico, buscando sempre a seguridade e a calidade na súa prestación. Para dar conta da evolución destas adaptacións, creouse unha sección específica dentro da nosa páxina web, con información puntual e actualizada sobre as novidades da biblioteca.

Por mor do comezo do curso, dedicaremos esta publicación a proporcionar a información máis destacable sobre a actualidade da Biblioteca universitaria e os seus puntos de servizo, a cal podedes consultar na antedita páxina.

Horarios e prazas

Os diferentes puntos de servizo da biblioteca tiveron que adaptar os horarios de atención presencial ao público e o número de prazas dispoñibles para a consulta e estudo en sala para garantir as medidas de seguridade e de distanciamento social establecidas nesta “nova” normalidade que nos toca vivir. Podedes consultalos na páxina A biblioteca. Os horarios tamén se poden ver na seguinte ligazón, entrando en cada unha das bibliotecas.

Cita previa

Para evitar aglomeracións e racionalizar o acceso ás instalacións, creouse un servizo de cita previa para os servizos básicos da biblioteca de xeito presencial: préstamo, devolucións, consulta e estudo en sala. Tedes acceso a este servizo na sección Pídenos cita previa na nosa páxina web, con ligazóns á todas as bibliotecas do Servizo.

Outros servizos como o asesoramento, as buscas bibliográficas ou a información realizaranse de xeito preferente de forma telemática ou por teléfono, dentro do horario normal das bibliotecas.

Plan de prevención fronte á Covid19

O Servizo de biblioteca elaborou un Plan de Prevención e Hixiene fronte á Covid19 para este curso 2020/21 no que se recollen todas as medidas adoptadas para garantir a seguridade no uso das súas instalacións e servizos, tanto para o persoal como para as persoas usuarias da biblioteca. A modo de resumo, podemos salientar os seguintes aspectos:

  • O uso da máscara é obrigatorio en todo momento dentro da biblioteca.
  • Manterase a distancia mínima de seguridade de 1,5 metros. Neste sentido, as bibliotecas procederon á sinalización de circuítos de entrada e de saída que deben ser respectados no uso das instalacións. Tamén se puxeron marcas no chan coa distancia mínima aos mostradores de atención ao público e entre as persoas que agardan diante dos mesmos.
  • En todas as bibliotecas existen dispensadores de xel hidroalcólico e papeleiras adecuadas para desbotar o lixo, especialmente as máscaras, as luvas e os panos desbotables.
  • Realizaranse labores de limpeza, desinfección e ventilación como mínimo dúas veces ao día, especialmente no cambio de quenda.
  • Na consulta en sala terán preferencia os membros da comunidade universitaria da UDC, ademais do alumnado das universidades de Santiago de Compostela e Vigo. Será necesario identificarse para acceder á biblioteca.
  • O servizo de préstamo realizarase con cita previa en todas as bibliotecas. Na páxina Pídenos cita previa ofrecémosvos un vídeo e unha presentación en Powerpoint explicándovos como realizar o trámite. Por outra banda, os documentos devoltos gardarán unha corentena de 72 h para garantir a súa seguridade. Polo momento non é posible acceder aos andeis onde se atopan os libros e revistas; será o persoal da biblioteca o que realice a busca e recuperación dos fondos que se necesiten.
  • As actividades de tipo colectivo, como o uso de salas de traballo en grupo, as formacións ou as actividades culturais, poderán realizarse sempre que se respecte a distancia mínima de seguridade.

E, por suposto, xa sabedes que para calquera dúbida que teñades sempre podedes contactar con nós por correo electrónico, por teléfono, nas nosas redes sociais ou empregando o formulario en liña Contacta coa biblioteca.

No hay comentarios: