viernes, 18 de septiembre de 2020

O comezo do curso 2020/21 na Universidade da Coruña



O luns 21 de setembro comeza un novo curso académico nas Universidades galegas dentro dun escenario excepcional provocado pola pandemia do coronavirus, que obriga a adoptar medidas de carácter extraordinario de cara ao alumnado e ao persoal da universidade para tentar previr a propagación da enfermidade.

Xa desde a fin do curso anterior a Universidade da Coruña dedicouse a establecer as medidas máis axeitadas de prevención e hixiene nos seus espazos para garantir a seguridade dos seus membros e posibilitar un novo comezo de curso o máis normalizado posible. Deste xeito, establecéronse unha serie de plans, tanto no ámbito global da universidade como específicos para cada un dos centros, coas instrucións e recomendacións que se deben seguir na volta ás aulas. Nesta publicación tentaremos facer un resumo das máis salientables.

Principios básicos de prevención

  • Establécese unha distancia mínima de 1,5 metros entre as persoas en todos os espazos da universidade.
  • En cada edificio proporcionarase información sobre a capacidade máxima do mesmo.
  • Para controlar esta capacidade, ademais, habilitarase un só acceso aos centros, que estará debidamente sinalizado.
  • Dentro do propio edificio establecerase unha sinalización no chan que indique o sentido de circulación das persoas.

Medidas de hixiene nos edificios

  • En cada edificio existirán dispensadores de xel hidroalcólico accesibles para a limpeza de mans.
  • En cada centro estableceranse protocolos de limpeza, desinfección e ventilación das instalacións, que, como mínimo, se realizarán unha vez ao día.

Medidas de hixiene persoais

  • Recoméndase a hixiene de mans de forma frecuente con auga e xabón ou, no seu defecto, con xel hidroalcólico.
  • É obrigatorio o uso da máscara hixiénica, preferiblemente reutilizable, en todos os espazos da universidade, coas excepcións establecidas legalmente.
  • Hai que tusir e esbirrar en panos desbotables, tapando totalmente boca e nariz, ou contra a parte interna do cóbado. Os panos tiraranse nos cubos de lixo existentes.
  • Débese evitar tocar os ollos, o nariz ou a boca para previr a transmisión do virus.

Docencia

A Universidade da Coruña estableceu para este curso unha modalidade mixta de ensino, que combinará as clases presenciais e en liña. En todo caso, primarán as clases presenciais, especialmente as prácticas ou de carácter experimental, pero o número de persoas asistentes estará determinado polo establecido nas recomendacións sanitarias e pola capacidade das aulas e outros espazos de ensino. Pódese obter máis información nas Orientacións para a programación da actividade docente: curso 2020/21.

Servizos

A atención presencial ao público restrínxese aos servizos imprescindibles. En todo caso, dáse prioridade á atención non presencial, mediante o correo postal, electrónico, o contacto telefónico e en liña. Para aqueles casos en que sexa necesario, en varios dos servizos da universidade habilitouse un sistema de cita previa en liña que haberá que empregar antes de acudir ao centro.

Por último, lembrámosvos que a páxina web da universidade conta cunha sección especial sobre a COVID-19, na que se recolle toda a información anterior, ademais doutros recursos, como titoriais no usa das ferramentas de teleformación ou os eventos formativos impartidos pola universidade de interese tanto para o alumnado como para o PDI

No hay comentarios: