Os recursos educativos abertos
(REA), tamén coñecidos en inglés como Open Educational Resources (OER), son
materiais de ensinanza, aprendizaxe e investigación que se atopan en dominio
público ou que foron publicados cunha licenza aberta que permite a súa
utilización, adaptación e distribución gratuítas (UNESCO, 2012).
Por mor da epidemia da COVID-19 potenciáronse
máis este tipo de recursos, apareceron novas plataformas e moitos estudantes e profesores
interesáronse por este tipo de ferramentas de aprendizaxe e produtos educativos
que se ofrecen libre e abertamente. O concepto de REA inclué unha ampla
variedade de material educativo, dende libros de texto ata cursos completos,
pasando por imaxes, infografías, vídeos, etc.
Entre os repositorios máis
coñecidos de REA destacan OERCommons (que
é un dos máis antigos), MERLOT
(comprende material en diferentes formatos, dende cursos online ou libros de
texto ata vídeos), OpenStax (con libros de
texto sobre diversas materias) ou Procomún
(iniciativa do Ministerio de Educación y Formación Profesional con material das
diferentes etapas educativas). Ademais destes repositorios educativos, tamén
existen outros de carácter xeral: por exemplo, Pixabay
ou Flickr para buscar imaxes, Vimeo para vídeos ou Jamendo para música. Outros
repositorios de gran utilidade para buscar REA son Wikimedia Commons
(repositorio de arquivos multimedia con millóns de obxectos dixitais), Europeana (biblioteca dixital europea de
acceso libre que reúne obras de arte, obxectos, libros, vídeos e sons de toda
Europa) ou CC Search
(metabuscador de imaxes e outros arquivos multimedia con licenza Creative
Commons).
No ámbito da educación
universitaria, salientamos a creación en marzo (motivada pola situación de
confinamento) polo Ministerio de Universidades e a CRUE do portal Conectad@s:
la universidad en casa, no que se ofrece ao estudantado e ao persoal
investigador e docente un amplo repertorio de materiais dixitais e contidos en
aberto de distintas áreas de coñecemento.
Outra das principais propostas de
promoción dos REA son os sitios OpenCourseWare (OCW), que adoitan incluír
elementos como apuntamentos de clase, materiais de estudo ou probas da
avaliación, entre outros. En España, a Universidad
de Cantabria ou a Universidad Carlos III de
Madrid contan con este tipo de plataformas.
Se falamos de recursos educativos
abertos na Biblioteca da Universidade da Coruña, destacamos que o RUC, repositorio da UDC, dentro do seu
extenso contido, conta cunha comunidade relacionada cos REA: Docencia, onde os
profesores e investigadores da nosa universidade poden subir os seus materiais
e obxectos de aprendizaxe creados no seu labor docente: apuntamentos,
exercicios, etc. Para recibir a autorización para autoarquivar, o autor débese
poñer en contacto cos administradores
do RUC.
Tamén a nosa universidade aposta
pola educación en aberto con varios cursos MOOC, cursos online masivos en
aberto. Ata agora, realizáronse tres a través da plataforma MiríadaX: Música
para el S.XXI: aportaciones del sotfware libre a la educación musical; Tecnologías
para la participación activa en diversidad funcional; Sostenibilidad
en la era del big data.
Rematamos este post citando unha
das principais ferramentas para a creación e desenvolvemento de recursos
educativos abertos, eXelearning, programa
libre e aberto para crear contidos educativos dunha maneira sinxela e que
admite a incorporación de gran variedade de contidos (textos, imaxes, vídeos,
obxectos dixitais…).
No hay comentarios:
Publicar un comentario