Retomamos o noso blog neste mes
de setembro e facémolo tratando un tema que nos últimos anos xerou certo debate
no que respecta á publicación científica: os custos de publicación en acceso
aberto.
A publicación
en revistas de acceso aberto xeralmente ten custos de publicación APC (Article
Processing Charge), cos que que se cobren os gastos asociados á publicación:
avaliación por pares, edición dixital, etc. Estes custos son pagados polos propios
autores, polas institucións ou as axencias financiadoras da investigación. Hai
unha iniciativa de publicación científica de acceso aberto chamada Plan S, que nun dos seus principios
afirma que estas taxas de publicación deben ser custeadas polos financiadores ou
as universidades, non polos investigadores.
Como institución, cabe sinalar
que a Biblioteca da UDC
ten acordos con algúns editores para obter descontos nas tarifas de
publicación de artigos en aberto, dos que se poderán beneficiar os autores da
nosa universidade. Nesta guía podedes
consultar os descontos e condicións de cada editor. No caso das axencias e
programas de financiamento, algúns contemplan que este gasto poida ser incluído
como parte do orzamento dos proxectos de investigación. É o caso de H2020.
Parécenos interesante sinalar que
a través de DOAJ (Directory of Open Access
Journals), que reúne actualmente máis de 15.000 revistas, pódese saber qué
revistas publican en acceso aberto sen
custo e cales teñen un custo
asociado (APC).
Aínda que o acceso aberto dos artigos
científicos está máis estendido, o das monografías tamén se contempla como un
paso máis cara á ciencia aberta e xa se está a falar dos BPC (Book Processing
Charges).
Como iniciativa de interese, queremos
citar a OpenAPC, que na súa
web recolle os pagos realizados polas distintas universidades e institucións
relacionadas coa investigación en canto a publicacións en acceso aberto. No
caso de España, soamente unha universidade contribuíu ao proxecto OpenAPC, a
Universidad de Barcelona. Ademais de poder buscar por rexións, tamén figuran
diversas coleccións como unha que agrupa todos os datos referentes a APC institucionais (OpenAPC), outra
que recolle os custos por publicar monografías de acceso aberto (BPC) ou outra con
información sobre os artigos publicados baixo acordos transformativos (Transformative
Agreements).
Respecto a estes últimos, os acordos
transformativos, o CSIC
os define como un dos medios que se están a utilizar recentemente nos que
xa non se paga por ler artigos que se publican con restricións de acceso, senón
que se paga aos editores un prezo xusto polos servizos que dedican a publicar
eses artigos en acceso aberto.
Para
concluir, podemos lembrar que o acceso aberto non implica menor calidade. De
feito, xa son moitas as revistas que teñen factor de impacto en JCR e SJR. Así
mesmo, cumpren estándares de calidade como as revistas tradicionais, xa que
tamén deben superar un proceso de avaliación para ser publicadas ou se indexan
en bases de datos especializadas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario