viernes, 24 de julio de 2020

JCR 2020


O 29 de xuño publicouse a última edición do JCR (JCR 2020) cos índices de impacto para o ano 2019 das revistas recollidas na base de datos Web of Science.

O índice de impacto (JIF) dunha revista científica é unha medida estatística de grande importancia para o persoal investigador, pois publicar nas revistas situadas nas primeiras posicións desta clasificación potencia en grande medida a visibilidade do seu traballo e incrementa a posibilidade de ser citado. Tamén inflúe de maneira determinante nos criterios de avaliación para a carreira docente, xa que para moitas áreas é requisito a publicación en revistas que se atopen nos primeiros cuartís do JCR. Amais, este índice ofrece outras métricas interesantes para a avaliación das revistas, tales coma o Factor de impacto a 5 anos, o Índice de inmediatez ou o Eigenfactor normalizado, entre outras.

Os membros da UDC poden consultar estes datos a través da páxina web da biblioteca, dentro dos recursos de información e buscando a Web of Science nas bases de datos. Tamén se pode acceder directamente a través da Master Journal List da WoS, filtrando os resultados polo JCR. Esta opción tamén permite establecer outros filtros: polos índices da WoS, por categoría, por país, por lingua, por frecuencia de publicación ou polas revistas en acceso aberto.



O JCR 2020 inclúe un total de 12.058 títulos, dos cales 9.266 pertencen ao Science Citation Index Expanded (SCIE), 3.469 ao Social Sciences Citation Index (SSCI) e 440 ao Arts & Humanities Citation Index (AHCI), tendo en conta que algúns dos títulos poden estar incluídos en diferentes índices a un tempo. Do total de títulos, 1.658 trátanse de revistas en acceso aberto, mentras que 7.487 serían revistas hibridas, é dicir, revistas de pago que permiten a publicación de certos artigos en aberto.


Con respecto ao JCR do ano pasado, elimináronse 33 revistas que, atendendo a criterios de calidade, non cumplían cun comportamento adecuado nas súas citas, ben por presentar un elevado índice de auto-citas, ben por unha excesiva concentración de citas entre determinadas revistas.

Pola contra,  351 títulos foron incluídos por primeira vez no JCR, 5 dos cales se corresponden con revistas españolas: Culture & History Digital Journal, European Research on Management and Business Economics, International Journal of Interactive Multimedia, Journal of Innovation & Knowledge e Mediterranean Botany. Pódese consultar a relación completa das revistas españolas no JCR na seguinte lista elaborada pola Biblioteca de Medicina da Universidade de Salamanca.

Para rematar, mencionaremos que, como novidade, a edición deste ano ofrece, para cada título, a influencia dos artigos publicados en acceso aberto con respecto ao total de citas da revista. Máis información.


No hay comentarios: