viernes, 22 de enero de 2021

O repositorio da UDC cumpre 15 anos

Esta semana, concretamente o día 20, cumpríronse 15 anos da presentación oficial en 2006 do RUC, repositorio institucional da Universidade da Coruña. O repositorio foi creado dentro dun contrato programa da universidade por catro persoas, tres delas persoal bibliotecario da nosa universidade: Xaquín Lores, Carlota Balsa, Javier Uranga e Vicente Guerreiro, este último do Servizo de Informática e Comunicacións. Foi o primeiro das universidades galegas e dos primeiros de España.

Nese mesmo mes e ano a Universidade da Coruña tamén asinaba a adhesión institucional á Declaración de Berlín por proposta da Comisión da  Biblioteca Universitaria, apoiando así as novas posibilidades de difusión do coñecemento.

Ademais, cabe sinalar que coa obrigatoriedade do depósito en acceso aberto da investigación financiada con fondos públicos (a nivel europeo co programa Horizonte 2020 ou a nivel nacional coa Ley de la Ciencia, la Tecnología y la Innovación), os repositorios convertéronse nunha ferramenta fundamental para a difusión en aberto da produción científica.

Ao logo destes anos o RUC consolidouse como unha porta aberta aos recursos producidos polos membros da universidade no seu labor de investigación e docencia, tendo como obxectivo dar maior visibilidade a estas publicacións e asegurar a súa preservación e accesibilidade. Actualmente conta con máis de 22.000 documentos: 6.015 traballos de investigación (deles, 1.702 teses), 6.141 artigos e exemplares de revista editados pola universidade, 3.624 documentos de congresos e cursos da UDC, así como unha selección de traballos finais de grao e mestrado, entre outros.

O RUC estrutúrase en 5 grandes áreas:

  • Investigación: neste apartado recóllense os documentos producidos pola activade investigadora dos membros da comunidade universitaria: teses, artigos, etc.
  • Publicacións UDC: recolle revistas, libros, congresos e cursos editados pola UDC.
  • Coleccións especiais: atópase a Colección Francisco Pillado Mayor, de temática teatral e formada por  imáxenes  dixitalizadas  de  carteis  e  fotografías. 
  • Traballos académicos: traballos de fin de grao (TFG) e de fin de mestrado (TFM)   presentados polo alumnado da UDC e que foron seleccionados polas comisións académicas correspondentes.
  • Docencia: materiais para docencia e obxectos de aprendizaxe creados polo profesorado da universidade no seu labor docente. Esta comunidade tamén recolle documentos xerados nos cursos MOOC da UDC.

Tamén queremos sinalar unha novidade importante que se introduciu o ano pasado no que respecta ao depósito dos datos de investigación. En febreiro de 2020 creouse unha comunidade UDC en Zenodo (repositorio de datos que busca compartir os resultados da investigación froito do financiamento público tanto nun contexto nacional como internacional) para que o persoal investigador deposite aí os datos. O depósito en Zenodo é moi sinxelo e ofrece vantaxes importantes para os investigadores, como obter un DOI para o dataset ou unha gran capacidade de almacenamento.  Ao crear unha comunidade para a UDC tamén se está a ofrecer un punto único de consulta dos datos de investigación da nosa universidade.

Finalizamos esta publicación dando as grazas tanto aos creadores do RUC como ao persoal docente e investigador da UDC pola súa participación e colaboración, facendo posible a ciencia aberta.

No hay comentarios: